“Separemos ben, reciclaremos mellor”. Premios escolares ao fomento da reciclaxe

Iniciativa de Sogama para escolares de Primaria, ESO e Bacharelato. Prazo aberto deica o 11 de abril.

separemos-ben-reciclaremos-mellorNo desafío da concienciación cidadá arredor da xestión sostible dos residuos urbanos e a necesidade da reciclaxe, o alumnado dos centros galegos xoga un papel clave á hora de introducir nas familias os bos hábitos e prácticas imprescindibles. Nesa tarefa vén funcionando a campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor”, iniciativa educativa promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama, e que conta co apoio de Ecoembes e os Sistemas Integrados de Xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP).

É ao abeiro desa campaña que se lanzan agora estes premios escolares, destinados aos centros educativos dos máis de 170 concellos adscritos á campaña. O enfoque e as características dos concursos varían en función do nivel académico ao que se dirixen, esixindo en todo caso que os traballos a aportar se centren nos desperdicios a depositar no contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks), azul (envase de cartón e papel) e específico para as pilas usadas. De cara a axilizar  o proceso, serán os propios centros os encargados de seleccionar os traballos que os represente e que, en todo caso, deberán remitir, xunto coa documentación pertinente e os requisitos establecidos nas correspondentes bases, á páxina web de Sogama, a través do correo electrónico cmc@sogama.es.

En educación primaria, o concurso orientarase aos escolares de 5º e 6º curso, aos que se lles propón a elaboración dunha redacción. Pola súa banda, os de ESO deberán encargarse de realizar obras de arte a partir de materiais de refugallo e en cuxa confección poderán participar grupos dun máximo de tres alumnos. Neste caso, os centros aportarán unha descrición detallada das mesmas, xunto cunha foto, indicando os tipos de materiais empregados. E xa para os de Bacharelato, o concurso valorará a mellor idea innovadora sobre posibles sistemas de recollida de lixo, formas de propiciar a colaboración cidadá nos mesmos, alternativas para reducir custos, deseño de contedores, etc. Serán os propios centros os encargados de elixir os traballos escolares que os representen.

No exame dos traballos presentados primarase a correspondencia dos mesmos coa temática proposta, orixinalidade, innovación, claridade na mensaxe, capacidade de influencia na modificación de hábitos e, por suposto, estilo, ortografía e expresións utilizadas.

O xurado estará conformado polos portavoces das entidades promotoras da campaña e será o encargado de proceder á avaliación dos traballos presentados, estando constituído por un presidente, que será o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia; un vicepresidente, papel que asumirá un portavoz de Ecoembes, e catro vogais, isto é, o presidente de Sogama e un representante de cada un dos SIG de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP).

Os premios
Establécense dúas categorías de premios para cada convocatoria: un específico, destinado ao centro ao que pertenza o alumno ou alumnos premiados, que en todos os casos consistirá nun vale canxeable por 700 euros para material didáctico e escolar, e outro orientado ao propio autor ou autores do traballo galardoado.

En primaria  o gañador será obsequiado cun xogo de mesa da reciclaxe, en ESO e Bacharelato recibirá un e-book (se se trata dun grupo de estudantes os que confeccionen a obra de arte premiada, recibirán altavoces compactos para móbiles –ou similar-).

O prazo para a presentación de candidaturas finaliza o próximo 11 de abril.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*