Unha iniciativa que promove o uso oral do galego, o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo.
O Club de Debate está dirixido ao alumnado de 3.º e 4.º de ESO e 1.º de Bacharelato do ámbito dos concellos que o promoven.
No curso 2013-2014 a organización recae nos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, O Carballiño, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo.
Os obxectivos son:
-Favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais.
-Potenciar a fluidez comunicativa ligada á oratoria.
-Promover o pensamento crítico e analítico.
-Fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo.
O formato do Club de Debate está formulado como unha competición deportiva; é necesario crear un bo clima no equipo, xa que o traballo colaborativo é básico no desenvolvemento da actividade. É necesario delegar tarefas e asumir responsabilidades, sempre dentro dunha competición contra reloxo en igualdade de condicións.
Os/as participantes deberán agudizar o enxeño para buscaren todas as argumentacións posibles para reforzaren as ideas, o que tamén facilita a capacidade de análise e de interpretación da realidade.