Que vén a bronquiolite! Que debemos saber?

Imaxe: Wikipedia
Imaxe: Wikipedia
Un proceso que se contaxia facilmente, que é motivo habitual de hospitalización para os pequenos.

Autor: Juan José Morell Bernabé. Pediatra. EAP “Zona Centro”. Badajoz.

Todos os anos, ao chegar o inverno, medra o temor á bronquiolite entre as nais e pais con nenos e nenas pequenos. Isto débese a que coñecen que é un proceso que se contaxia facilmente, que é motivo habitual de hospitalización para os nenos pequenos e que pode deixar secuelas en forma de bronquites de repetición. Que hai de certo en todo iso?

Que é a bronquiolite?
A bronquiolite é unha enfermidade infecciosa causada por VIRUS; afecta as pequenas vías respiratorias, chamadas bronquiolos, que están nos pulmóns. Alí produce unha inflamación da parede que causa obstrución para a entrada e saída de aire, dificultando así a respiración do neno.

O virus respiratorio sincitial (coñecido polas siglas VRS) é o principal axente causal de bronquiolite (80%), de xeito especial daqueles casos que ocorren de forma epidémica durante os meses de frío, entre novembro e marzo, e que afectan preferentemente aos menores de 2 anos de idade; aínda que poden aparecer casos illados ao longo de todo o ano. Outros virus respiratorios tamén poden causala, como o virus da gripe, o virus parainfluenza ou o adenovirus.

O VRS contáxiase a través da mucosidade ou a saliva dunha persoa infectada, e propágase facilmente no seo da familia, nas garderías ou centros de educación infantil e nas salas dos hospitais ou centros sanitarios. Por iso é moi importante tomar medidas para evitar contaxios, tales como: non levar o neno á gardería, evitar contactos próximos con irmáns ou nenos maiores con síntomas de catarro en épocas epidémicas e, sobre todo, asegurarse que as persoas que o coidan lavan ben as mans e con frecuencia.

Tamén os adultos e nenos maiores poden infectarse polo VRS, pero neles só se producen síntomas de arrefriado. Nos lactantes e nenos menores de 2 anos é máis probable que poida desenvolverse a bronquiolite; isto é porque as súas vías respiratorias son máis pequenas e obstrúense máis doadamente.

Cales son os síntomas dunha bronquiolite?
Case todos os nenos han ter, polo menos, unha infección por VRS nos primeiros 3 anos de vida; o que ocorre é que , na maioría deles , cursa como unha infección respiratoria de vías altas, con síntomas de arrefriado, que non vai a máis.

Aqueles que desenvolven bronquiolite comezan con síntomas catarrais de nariz mocosa, tose leve e, ás veces, febre; pero, logo dun ou dous días, a tose empeora e o bebé inicia unha respiración axitada, que pode acompañarse de dificultade para respirar (fatiga) e ruídos no peito (escóitanselle como “pitos” ou “asubíos”).

Neste punto é importante que as familias saiban recoñecer algúns sinais que indican que a dificultade respiratoria que presenta seu fillo/a require dunha atención médica inmediata ou, en ocasións, precisar hospitalización

Sinais de alerta de dificultade respiratoria

Os seguintes signos e síntomas de dificultade respiratoria no neno pequeno alértannos dun empeoramento no curso da bronquiolite, que obriga a buscar atención médica inmediata:

  • Ensanchan os orificios do nariz ao respirar e contráense os músculos baixo as costelas, nun esforzo para facer chegar máis aire aos pulmóns
  • Ao exhalar o aire, soan ruídos torácicos como asubíos
  • Os lactantes máis pequenos poden ter dificultades para tomar alimento, debido ao esforzo que realizan para respirar
  • Aparición de signos de deshidratación: ter a boca seca, inxerir menos cantidade de líquidos do habitual, chorar sen bágoas ou ouriñar con menos frecuencia do normal
  • Pode notarlle unha cor azulada en beizos e punta dos dedos, o que indica que as vías respiratorias están tan obstruídas que non está chegando cantidade suficiente de osíxeno ao sangue

É grave?
A maior parte dos nenos con bronquiolite non precisan ingreso hospitalario e o tratamento pode realizarse no seu domicilio.

Pero hai un grupo de nenos que ten un maior risco de padecer bronquiolite grave e/ou precisar hospitalización. Son os menores de 3 meses, os que naceron prematuramente e aqueles afectos dunha cardiopatía conxénita grave, enfermidade pulmonar crónica (fibrose quística, displasia broncopulmonar) ou inmunodeficiencia.

O proceso natural da bronquiolite vai durar entre 7 e 10 días, pero é entre o segundo e terceiro día cando pode aparecer o empeoramento, momento que require maior vixilancia. Posteriormente prodúcese unha mellora gradual, aínda que algúns síntomas leves como a tose poden persistir durante 2-4 semanas.

Ten algunha relación coa asma?
Algúns nenos pequenos que teñen unha bronquiolite poden presentar síntomas parecidos á asma, con sibilancias e/ou dificultade respiratoria, asociados aos catarros ou infeccións respiratorias propias da infancia, de xeito recorrente durante os 2 ou 3 invernos seguintes e logo desaparecen, sen que isto signifique que sexan asmáticos. Só algúns deles, seguramente os que están predispostos xeneticamente, seguirán presentando asma logo dos 5 anos de idade.

Como se trata?
É importante saber que non hai un tratamento específico para combater a bronquiolite aínda que, afortunadamente, a maioría de casos son leves e autolimitados, evolucionando ben con medidas de soporte e coidados xerais que poden e deben realizarse no domicilio do neno.

Os antibióticos non son útiles ao tratarse dunha infección viral; só son efectivos se se produce unha sobreinfección bacteriana, que pode ocorrer en forma de otite media ou pneumonía. E algúns outros fármacos utilizados con frecuencia no tratamento da bronquiolite, como os broncodilatadores (que serven para abrir os bronquios) ou os corticoides (que se empregan para reducir a inflamación), só producen unha mellora limitada nalgúns casos.

Por iso, o máis importante é coñecer os signos de alerta de dificultade respiratoria que obrigarían a buscar atención médica, e aliviar os síntomas causados pola infección con algunhas medidas xerais e coidados que si demostraron utilidade:

  • Manter unha adecuada hidratación, ofrecéndolle líquidos (auga ou leite) en pequenas cantidades e frecuentemente.
  • Facer lavados nasais con soro ou solucións salinas, con ou sen aspirado nasal, para manter o nariz despexado e colocar ao bebé en posición semi-incorporada en decúbito supino (boca arriba), que lle axudará a respirar mellor.
  • Se hai febre, tratar coas medidas físicas e antitérmicos habituais.
  • É importante evitar o fume do tabaco e ambientes cargados de fume. Non fumar na casa.
  • Debido á dificultade respiratoria, é posible que o neno coma máis lentamente e tolere peor os alimentos sólidos; ofrézalle cantidades máis pequenas e frecuentes de alimentos brandos e insista na inxesta regular de líquidos para evitar a deshidratación.
  • Nos casos en que exista unha dificultade respiratoria importante ou signos de deshidratación, o neno deberá ser hospitalizado.
  • É importante que os pais dispoñan de información adecuada.

Outros documentos de interese en Internet:

Para profesionais:

-Protocolo de Bronquiolitis. Diagnóstico y tratamiento en Atención Primaria. Grupo de Vías Respiratorias de AEPap. Marzo 2010. Dispoñible en: www.aepap.org/gvr/protocolos.htm
– Guía de Práctica Clínica sobre Bronquiolitis Aguda . Plan de Calidad para el Sistema Nacional de Salud del Ministerio de Sanidad y Política Social. Edición 2010
– Conferencia de Consenso “Manejo diagnóstico y terapéutico de la bronquiolitis aguda” An Pediatr (Barc). 2010. Dispoñible en Portal GuíaSalud – Biblioteca www.guiasalud.es


Para nais e pais:
– Health Issues: Bronchiolitis. En: Healthy Children www.healthychildren.org ; páxina web para pais da Academia Americana de Pediatría (en inglés)
– Bronquiolitis. En Familia y Salud www.aepap.org/familia/bronquiolitis.htm ; páxina web para pais da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap)
– Información para padres: Bronquiolitis . Páxina web da Sociedad Española de Neumología Pediátrica (SENP) www.neumoped.org/senp_bronquiolitis.htm

Relacionados:

Este artigo é cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPAP)

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*