Lingua de namorar

lingua-de-namorar-2014Concurso en liña de mensaxes de amor dirixido á mocidade de entre 14 e 35 anos. Prazo aberto deica o 23 de febreiro.

As consellerías de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria e de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, convocan o certame ‘Lingua de namorar’, que busca fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas, especialmente en momentos de lecer. O obxectivo deste concurso é dinamizar o uso da lingua galega nas relacións persoais e nas tecnoloxías da información, nomeadamente en internet e a mensaxería instantánea.

Poderán participar no programa persoas que teñan unha idade comprendida entre os 14 e os 35 anos. Haberá dúas categorías: de 14 a 19; e de 20 a 35.

En canto ás mensaxes, deberán estar escritas en galego e poderán redactarse en prosa ou verso. A súa extensión máxima será de 350 carácteres, incluídos os espazos en brancos. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

Para poder enviar as mensaxes, será preciso rexistrarse na web do concurso http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar.html e cubrir o formulario de inscrición. Todas serán publicadas na páxina do concurso e estarán identificadas polo título e máis polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as declaracións será o 23 de febreiro.

Votación e premios
A partir do 24 de febreiro, e ata o 28, abrirase un período para votar (os usuarios que queiran votar deberán rexistrarse na web). Un xurado elixirá aos gañadores entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes escollidas –que se farán públicas o 10 de marzo na páxina web- serán as únicas que se identifiquen co nome e apelidos dos autores e autoras.

Establécense tres premios por categoría. Para aqueles mozos e mozas de entre 14 e 19 anos, serán os seguintes: unha Playstation 4 500 XB para o primeiro; unha mesa de mesturas de DJ para o segundo; e un mp3 acuático. Pola súa banda, na segunda categoría (de 20 a 35 anos), os gañadores poderán conseguir: unha cámara Canon réflex dixital para o primeiro clasificado; un GPS de montañismo para o segundo; e un mp3 acuático para o terceiro. Nesta última categoría, todos os premios irán acompañados a maiores por unha actividade de aventura para dúas persoas.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*