Inicio » Arte-facto » ‘Artistas no museo’

‘Artistas no museo’

artistas-no-museo-corunaO Museo de Belas Artes da Coruña expón unha instalación de Xurxo Gómez Chao e do alumnado do obradoiro que dirixiu na institución.

A instalación que o artista coruñés Xurxo Gómez Chao realizou no Museo de Belas Artes da Coruña é unha monumental peza suspendida no espazo situado baixo o lucernario das salas 1, 3 e 5 do Museo de Belas Artes da Coruña, que foi construída no marco do obradoiro para adultos ‘Artistas no museo’. No proxecto participou canda Xurxo Gómez Chao o alumnado do obradoiro: Alberte Sánchez Regueiro, Pedro Abad Vidal, Jacinto Ruíz, Alfonso Rego López e Félix Andrade Pérez.

Influenciado por artistas como Friedrich, Turner, Monet ou Hokusai, o coruñés Xurxo Gómez recorre na súa obra a temas como a natureza, o home e o tempo, así como a exploración de territorios descoñecidos e inquietantes. Neste caso, centrou o seu traballo na elaboración dun proxecto artístico baseado na construción dunha xigantesca retícula, confeccionada a base de diversos obxectos e materiais (ramas, follas, árbores, las de cores, bonecas etc.).

Ademais, da dita instalación resultou unha interesante colección de fotografías artísticas, a través das que se despregan múltiples puntos de vista nos que a peza contemporánea interactúa coa arquitectura e as coleccións de pintura antiga do museo. Trátase, polo tanto, de dúas obras nunha, a instalación e as fotografías resultantes.

Terceira edición
A actividade na que se enmarca esta instalación, ‘Artistas no museo’, foi iniciada en 2012 coa colaboración de Xavier Correa Corredoira e este ano celebrará a súa terceira edición. Xunto con esta iniciativa, o Museo de Belas Artes vén desenvolvendo, desde hai máis de 10 anos, outros proxectos nunha liña similar, como son os obradoiros de gravado, nos que coñecidos nomes do mundo das artes, como son os pintores e gravadores Omar Kessel, Ane Heyvaert, Isabel Pintado ou Ali Ali, comparten a súa obra, coñecementos e experiencia co público coruñés.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*