Inicio » Actualidade » Santiago únese ao Proxecto de Accesibilidade en Entornos Sociais de Autismo Galicia

Santiago únese ao Proxecto de Accesibilidade en Entornos Sociais de Autismo Galicia

autismo-galicia-pictogramasEste mércores celébrase o Día Mundial de Concienciación do Autismo.

Hai sete anos que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas oficializou o 2 de abril como a xornada mundial de sensibilización en prol das necesidades e dereitos das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA). O conxunto de síndromes neurobiolóxicos que abranguen os TEA aféctanlle a un porcentaxe aproximado de 1 de cada 150 cativos en idade escolar. En Galicia, arredor de 2 mil persoas foron diagnosticadas con algún destes trastornos crónicos que lle afecta ás capacidades sociais e de comunicación.

Na véspera desta xornada de sensibilización, a Federación de Autismo de Galicia presentou esta semana a colaboración co Concello de Santiago para que as instalacións deportivas da cidade sexan accesibles para as persoas con autismo e outros colectivos con dificultades na comunicación como persoas con discapacidade psíquica, visual, dificultades na linguaxe ou persoas maiores.

A excelente capacidade de pensamento visual das persoas afectadas por TEA fai que a información presentada de xeito visual en forma de pictogramas lles resulte de gran axuda para comprender o seu entorno. Por iso, estas adaptacións enmárcanse dentro do Proxecto de Accesibilidade en Entornos Sociais que Autismo Galicia leva a cabo en distintos concellos e que ten por obxectivo favorecer o acceso aos espazos públicos do colectivo de persoas con autismo a través de sinalización axeitada que lles permita comprender onde se atopan e o que van facer.

No marco do proxecto, realízase a sinalización dos espazos deportivos municipais de Compostela con pictogramas, imaxes sinxelas e descritivas, realizadas por profesionais expertos neste tipo de trastornos e probadas por persoas con autismo para que sexan o mais funcionais posibles. Os primeiros lugares que se están a adaptar son os espazos deportivos, xa que son utilizados habitualmente por persoas con TEA, entre os que se atopan o Multiusos Fontes do Sar e o complexo deportivo Santa Isabel, así como os pavillóns municipais de Fontiñas, Vite, Pontepedriña, Restollal e Lorenzo de la Torre. En total, mais de 560 pictogramas axudarán ás persoas con TEA a utilizar estes espazos de xeito mais seguro e autónomo, así como a chamar a atención da cidadanía sobre a necesidade de ser verdadeiramente accesibles a todo tipo de persoas independentemente das súas características persoais. Os adestradores do clube de baloncesto Obradoiro CAB, Moncho Fernández, e o do clube de fútbol sala Santiago Futsal, Santi Valladares, estiveron na presentación da iniciativa para mostrar o seu apoio a esta iniciativa que fará mais accesible o seu estadio, o Multiusos Fontes do Sar, e coñecer de primeira man as adaptacións que atoparán os seus afeccionados cando se acheguen a el.

Máis sobre a campaña e axenda completa de actividades na web de Autismo Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*