Febre, que facer

Flickr: Paul Schultz / http://www.flickr.com/photos/pasfam/2113068473/
Flickr: Paul Schultz / http://www.flickr.com/photos/pasfam/2113068473/

A febre é o aumento da temperatura do corpo, cando supera os límites que se consideran normais. Non é unha enfermidade, é un síntoma doutras enfermidades.

Artigo de Francisco Javier Garrido Torrecillas. Pediatra.

 

Que é a febre?
A febre é o aumento da temperatura do corpo, cando supera os límites que se consideran normais. Non é unha enfermidade, é un síntoma doutras enfermidades.

Considérase febre si a temperatura é maior de 38 grados centígrados.

Que orixina a febre?
A causa máis habitual da febre, especialmente en lactantes e nenos, son as infeccións. Normalmente son infeccións virais e, menos frecuentemente, infeccións bacterianas.

O arroupamento excesivo, o exceso de calor e a deshidratación, ás veces, orixinan febre.

Tamén pode aparecer febre como manifestación doutras enfermidades (enfermidades reumatolóxicas, intoxicacións,…), aínda que isto é moi raro.

É grave ou contaxiosa?
A febre por si soa non é contaxiosa; si poden selo algunhas das enfermidades que producen a febre, especialmente as infeccións víricas.

Por si mesma non debe considerarse un signo de gravidade e non causa dano no cerebro.

Nin o grado de febre que ten un menor nin a resposta aos medicamentos son indicativos de gravidade.

A febre ten algunha utilidade?
A febre forma parte dos mecanismos de defensa do organismo; elevar a temperatura activa os nosos mecanismos de defensa e axúdaos a realizar mellor o seu traballo.

Como sabemos se ten febre?
Hai datos que poden axudarnos a detectar a febre, como son: o aumento das pulsacións do corazón, aumento das respiracións, avermellamento da pel, sensación de calor ao contacto co neno. Pero a mellor forma de confirmar a súa presenza é medila cun termómetro.

Actualmente está prohibida a venda de termómetros de mercurio.

Hai diferentes tipos de termómetros; os máis fiables son os dixitais.

Sempre hai que tratar a febre?
Non sempre é necesario tratar a febre. Recorde que forma parte dos mecanismos de defensa; debemos tratala se causa malestar ou desconforto ou se se trata de febre elevada. Tamén se debe tratar nos nenos que teñen enfermidades graves que afecten o corazón, pulmón, bronquios e sistema nervioso.

Como se trata a febre?
Para tratar a febre úsanse os antitérmicos. O que debemos usar habitualmente é o paracetamol, vía oral ou rectal. A dose depende do peso do menor e poderase administrar cada 4-6 horas. Tamén se pode empregar o ibuprofeno, cada 6 ou 8 horas, a doses que dependen do peso. Este non debe utilizarse en menores de 6 meses.

Non debe alternar antitérmicos de forma rutineira; só en casos moi concretos e sempre por prescrición médica.

Recorde manter os medicamentos fóra do alcance dos nenos.

Os antibióticos non quitan a febre, e non deben empregarse, salvo que llos indique o médico ou pediatra.

É moi importante que estea ben hidratado, asegurándose de que toma líquidos con frecuencia.

Debemos consultar co noso pediatra ou médico se o menor:

  • Ten febre alta (maior de 40 graos).
  • É menor de dous anos e ten febre durante máis de 24-48 horas.
  • É maior de dous anos e ten febre durante máis de 48-72 horas.
  • Presenta manchas na pel que apareceron coincidindo coa febre ou nas horas previas.
  • Está moi irritable, o choro é intenso e difícil de acougar, ou está moi decaído (malia baixarlle a febre).
  • Rexeita alimentos e líquidos de forma continuada.
  • Non ouriña ou a ouriña é moi escasa.
  • Ante calquera circunstancia estraña ou anormal que acompañe a febre.

Mentres manteña febre, debemos vixiar:

  • O seu estado xeral: aspecto, cor, respiración. Observar se ten manchas.
  • O seu comportamento e actitude: se está adormecido, moi irritable, con choro excesivo ou moi decaído.
  • Se ten algunha dor especifico (gorxa, oído, peito, abdome, cabeza,…).
  • Se presenta dificultade para mover o pescozo, rixidez.
  • Se ten dificultade ou alteracións na respiración.
  • Se os ouriños son cheirentos, de cor distinta ao habitual ou moi escasa.
  • Se ten vómitos ou diarrea persistentes ou moi abundantes.

Cando hai que acudir a urxencias?
Se aparece algunha das seguintes situacións débese consultar de forma urxente. Aínda que non quere dicir, obrigatoriamente, que presente unha enfermidade grave.

  • Febre nun menor de 3 meses.
  • Febre alta e algunha enfermidade crónica grave (malformación do corazón, inmunodeficiencia, cancro en tratamento quimioterápico,…).
  • Rixidez de pescozo, dificultade para flexionar o pescozo.
  • Manchiñas na pel de aparición recente, de cor vermella escura ou morada, que non desaparecen ao estirar a pel arredor.
  • Decaemento, irritabilidade ou choro excesivo e difícil de acougar.
  • Convulsión ou perda de coñecemento.
  • Dificultade para respirar (marca as costelas e afunde o esterno, óense como asubíos cando respira, respiración moi rápida, axitada, etc…).
  • Vómitos moi abundantes, case continuos.

 

 

RELACIONADA EN BOT

 

Onde atopar máis información en internet:

Decálogo da febre da AEPAP. Dispoñible en: http://www.aepap.org/biblioteca/ayuda-en-la-consulta/decalogo-de-la-fiebre
Familia e saúde: febre. Dispoñible en: http://www.familiaysalud.es/nos-preocupa-que/fiebre
Kidshealth: A febre e como tomarlle a temperatura a seu fillo. Dispoñible en:
http://kidshealth.org/parent/h1n1_center/h1n1_center_esp/fever_esp.html
Guía de Saúde – proceso febre na infancia, información para pacientes. Dispoñible en: http://www.juntadeandalucia.es/salud/export/sites/csalud/galerias/documentos/c_6_c_7_guias_de_informacion_para_pacientes/guia_fiebre_infancia.pdf

 

Este artigo é cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPAP)

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*