Xogos para a memoria

Flickr Petr Dosek
Flickr Petr Dosek
A pediatra Ana Martínez analiza criticamente a falta de adestramento da memoria nos cativos de hoxe en día e propón emendar isto a través dos xogos na vida diaria. 

Autora: Ana Martínez Rubio. Pediatra. Centro de Saúde de Camas (Sevilla)

Ensina a teu fillo ou filla a usar a cabeza, é dicir, a pensar e razoar en base ao que oe, le, ve, percibe, ule… E comeza axiña. Ben, comeza xa! Independentemente da idade que teña a túa filla ou o teu fillo.

Agora, no colexio non ensinan a memorizar. Antes, si. Había que aprender algunhas poesías (moralizantes algunhas, graciosas outras, tradicionais ou “famosas” as que máis), ademais de listas (de preposicións, nomes propios, ordes de insectos, declinacións, etc.)

Como se empezaba axiña e, se había sorte, era con algo gracioso, podíaselle coller o gusto á cousa, e a memoria funcionaba ben, porque estaba “engraxada”.

Hoxe, na escola, só teñen que reencher fichas ou, cando xa van crecendo, facer “traballos” (supostamente é algo creativo, pero, en realidade, a maioría deses traballos limítase a ser copia doutras fontes). Usan pouco a memoria os nosos escolares. Pero só eles? Todos! Fai xa décadas que deixamos de memorizar números de teléfono, ao gravalos na axenda electrónica do móbil. Cada vez usamos menos a memoria pois simplemente sabemos onde podemos ir buscar a información. Pero iso, que é bo “a priori”, encerra o perigo de deixarlles ás nosas neuronas facer o preguiceiro, sobre todo ás que se ocupan de establecer relacións ou sinapses. E son precisamente as relacións entre distintas ideas as que fan xurdir inventos, obras de arte ou xenialidades. Grandes ou pequenos avances ou descubrimentos.

O mundo das pantallas, que tanto nos facilita a vida, está empezando a ocupar demasiado tempo nas nosas vidas, sobre todo da dos máis novos, e demasiado espazo no noso cerebro. A gran diferenza entre a novela e a película é a elaboración que do argumento e as palabras fai o noso cerebro.

Cando lemos:

  • Vemos as palabras, que quedan gravadas no noso cerebro como imaxes. É ben sabido que os escolares máis afeccionados á lectura cometen menos faltas de ortografía.
  • Aprendemos frases ou expresións do idioma.
  • Imaxinamos ou creamos na nosa mente os detalles, rostros, xestos, paisaxes ou escenarios que nos describen.
  • Podemos volver cara atrás para refrescar detalles, entender relacións ou buscar pistas, mentres que na película vai todo a máis velocidade, sempre cara a adiante, e omitindo detalles.

Certamente, as imaxes atrápannos, atraen e seducen, pero as nosas neuronas non teñen que esforzarse e acémonos máis e máis pasivos.

As frases quedan nos nosos oídos, pero pronto esvaen, sepultadas pola seguinte, e a outra e outra máis. Analízao lúcidamente Vargas Llosa no seu libro “A civilización do espectáculo”.

Pois imos a contrarrestar isto, polo menos durante un pedazo, xa que non é posible saltar en marcha fóra do mundo en que nos tocou vivir, e así imos ensinarllo aos nosos fillos e fillas. E o mellor é facelo en forma de xogos que poidan practicarse mentres imos camiñando ao colexio, no paseo da tarde do sábado, nunha viaxe en auto máis ou menos longo ou, mesmo, mentres facemos a compra. Aparquemos as nosas preocupacións “de adultos”. Deixemos de repasar a lista das nosas tarefas pendentes e gocemos tamén nós exercitando o cerebro, a memoria, a imaxinación… e o humor!

Estas son algunhas actividades posibles:

  • Fixarse nos rótulos das tendas e descubrir os xogos de palabras que moitos esconden, as etimoloxías ou similitudes que encerran.
  • Fixarse nas matrículas dos coches e practicar xogos cos números: É capicúa? Canto suman as 4 cifras? É múltiplo de 3? E de 11? Canto faltaría para chegar ao seguinte capicúa? Ou coas letras: que palabras se poderían dicir usando esas consonantes na mesma orde?
  • Indagar que fan os responsables de cada negocio. Relacionar a cada un con outras industrias ou profesións (exemplo, no kiosco: pensar no xornalista, a imprenta, o fotógrafo, o corresponsal, o deseñador gráfico?). Tratar de recordar se coñecemos a alguén implicado nese mundiño.
  • Observar as plantas da ruta: árbores, arbustos, macetas, adornos… Moitas teñen flores, follas ou froitas de diversas cores. Ou cambian segundo a estación. Tratar de ir aprendendo os seus nomes, cales son familia entre si, de onde proceden?
  • Pescudar a historia dos edificios antigos, preguntando ou lendo.
  • Imaxinar historias ocorridas na mesma ruta.
  • Aprender xuntos algunha poesía ou recitado. Antiga ou moderna. Lida ou inventada. Que máis dá! A cuestión é que sexa divertido recitala xuntos. Recordo que na miña casa memorizamos entre os irmáns todo o “Abecedario estrafalario” de Gloria Fuertes e escachábamos coa risa con cada poema. Era divertidísimo e tan tolo….

Todo isto serve ao teu fillo ou filla para mirar, pensar, razoar e recordar. E ensínalle a aprender usando o seu cerebro. Desenvolvéndoo, porque se van creando sinapses neuronais. Gozando. Madurando. Medrando contigo, co teu apoio e estímulo. Na túa compañía, da túa man, que para iso es ti a súa nai ou o seu pai…

 

Este artigo é cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPAP)

Flickr: Petr Dosek
https://www.flickr.com/photos/pedrosek/9408010750

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*