Candidaturas ao Premio Leixaprén 2014 pola Normalización Lingüística

leixaprenFernando Vázquez, ‘Sés’, María Mera e Esther G.del Barrio, os nomes propostos nesta edición.

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) organiza o Premio Leixaprén co obxectivo de premiar a persoas, entidades ou institucións que se caracterizan polo uso normalizado da lingua galega e por unha defensa activa do idioma nos seus ámbitos profesionais.

As candidaturas da presente edición recaen en Fernando Vázquez, adestrador do Deportivo da Coruña, a actriz e presentadora María Mera, a cantante e música María Xosé Silvar “Sés” e a moza madrileña Esther García del Barrio.

Na votación poderán participar ata o 30 de maio os máis de 450 Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino de Galicia adscritos á CGENDL.

O Premio Leixaprén, de recoñecemento á defensa e promoción da lingua galega, foi creado en 1999 pola Coordinadora Leixaprén de Equipos de Normalización Lingüística que integraba centros educativos das comarcas de Muros-Noia, Barbanza e arredores. Dende o curso 2011-2012 é organizado pola CGENDL e o galardón recaeu sobre a empresa Imaxín Software e o campión do mundo de triatlón Javier Gómez Noya.

Os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros terán un mes para proceder á votación destas candidaturas, que se pechará o 30 de maio, a través da páxina web do premio: http://www.coordinadoraendl.org/

CANDIDATURAS:

Fernando Vázquez Pena
(Castrofeito-O Pino, 1954):
Aínda que mestre  de inglés de formación e profesión, a súa traxectoria no mundo do fútbol comeza moi cedo como xogador e adestrador de escolas deportivas. Adestrou o Lalín, Rácing de Ferrol e o Lugo antes de dar o salto á Primeira División coa SD Compostela. Na división de ouro e máis na de prata dirixiu diferentes equipos ata que chegou a dirixir o Celta de Vigo, ao que ascendeu e levou á UEFA, e mais ao Deportivo da Coruña, co que lidera a táboa de Segunda División nesta tempada. Xunto con Arsenio Iglesias adestrou a Selección Galega entre os anos 2005 e 2008.
Fernando Vázquez emprega habitualmente a lingua galega ante os medios de comunicación e nos actos públicos e defende o seu uso e promoción implicándose activamente en diferentes iniciativas normalizadoras.

María Xosé Silvar Sés
(A Coruña, 1983)
Sés é o nome artístico de María Xosé Silvar, música e cantautora que deu os seus primeiros pasos no campo do baile e a música tradicional. É mestra e Licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social e, logo do seu paso pola banda Chámalle Xis! e de colaborar con diferentes bandas e artistas galegos, como Sés publicou os discosAdmirando a condición (2011) e Co xenio destrozado (2013), unha talentosa combinación de estilos musicais que, xunto cunha voz talentosa e unhas letras traballadas, explican a grande acollida da crítica e o público.
Coa mesma actitude enérxica e contaxiosa que define os seus directos, o seu compromiso co idioma queda claro cando expresa “Fago música en galego porque son galega e estou lonxe de avergonzarme de selo”.

María Mera Constenla 
(Boqueixón, 1986)
Actriz e presentadora, formouse en Periodismo na Universidade Juan Carlos I e en Arte Dramático pola Escola de Teatro de Santiago de Compostela, estudos que completa nas máis diversas disciplinas artísticas como danza, acrobacia, canto, dobraxe, títeres ou clown. É un dos rostros máis coñecidos da pequena pantalla grazas aos seus papeis en series de éxito como Libro de familia, Matalobos ou O Faro e a presentar programas como Un mundo de nenos e Luar. No cinema participou en curtametraxes como Efectos Colaterais e Mr. Smith & Mrs. Wesson e no teatro interpretou o papel protagonista en Salomé, do Centro Dramático Galego.
María Mera utiliza o galego de maneira habitual no seu traballo, nos eventos que presenta e nas súas manifestacións públicas en xeral, e defende a súa promoción social como demostra na campàña Como cho digo 🙂 polo uso da lingua nos medios de comunicación.

Esther García del Barrio
(Madrid, 1985)
Esther non querería saír do anonimato por feitos como os que denunciou recentemente. Ela é unha moza licenciada que, por desgraza, está no paro, como moitas outras persoas novas na actualidade. Madrileña de nacemento, viviu un tempo na Coruña e aprendeu con interese a lingua da súa terra de acollida, por iso non dubida en engadir o seu coñecemento alto en lingua galega no currículum. No entanto, este dominio do galego é “absurdo, ridículo e innecesario” segundo a resposta prexuízosa que obtivo da propietaria dun hotel rural asturiano.
Esther afirma que por nada do mundo eliminará o galego do seu currículo e que está moi orgullosa de investir o seu tempo en aprendelo. Pensa, ademais, que se os galegos non o defenden, se non se coida e non se ensina nas escolas pode rematar por desaparecer.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*