Un xogo en liña para avaliar a cultura científica

cientifico_sabioDivulgadores do CSIC poñen na rede un xogo para educar e divertir coa ciencia.

Institutos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) crearon “Es un científico sabio?”, unha aplicación web que mide o coñecemento dos xogadores ou xogadoras sobre ciencia, enfocándoo de forma lúdica.

Trátase dunha serie de preguntas de ciencia, tecnoloxía, lóxica e humanidades, achegadas na súa maioría por investigadores do CSIC, universidades e centros de ensino. O seu principal obxectivo é espertar a curiosidade dos xogadores mentres se divirten, creando novas vocacións científicas.

A aplicación consta dunhas mil preguntas separadas en niveis de dificultade, de forma que poidan xogar desde escolares ata estudantes universitarios. O número máximo de xogadores é oito, podéndose xogar nun ou varios computadores á vez.

O xogo consta dun taboleiro de 32 casiñas, cada unha representando un gran avance de coñecemento. A medida que se avanza no taboleiro as preguntas vólvense máis e máis difíciles. Se o xogador erra unha pregunta, retrocede á casiña anterior; ademais hai un tempo limitado (30 segundos) para contestar.

Este proxecto xurdiu da man de Patricia Siljestrom, investigadora do Instituto de Recursos Naturais e Agrobioloxía de Sevilla (IRNAS-CSIC). Na VIII edición da Feira da Ciencia de Sevilla, celebrada no 2010, a doutora Siljestrom levou algunhas preguntas e respostas como entretemento para o público asistente.

A actividade resultou ter moito éxito, xa que se repartían diplomas aos nenos e adultos que acertasen as preguntas, que tiñan entón tres niveis de dificultade. Á vista do logro, a investigadora ampliou a convocatoria de envío de preguntas e respostas a todos os institutos do CSIC. Posteriormente desenvolveuse e deseñou a aplicación web con axuda do Instituto de Microelectrónica de Sevilla (IMS).

FONTE: CSIC

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*