As mulleres apenas contan co 5% do espazo da prensa deportiva

mulleres-prensa-deportivaA presenza da muller na prensa deportiva é notablemente inferior á do home. En concreto, a muller tan só aparece nun 5% dos casos, mentres que o home faio en máis dun 92 por cento, segundo unha investigación da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M).

A muller é suxeito noticioso na prensa deportiva impresa unicamente no 5,11% dos casos, unhas veces soa (2,18%) e outras acompañada por homes (2,93%). En cambio, o home protagoniza este tipo de informacións no 92,2% dos casos, segundo unha investigación presentada recentemente pola profesora da UC3M, Clara Sainz de Baranda, na II International Conference Gender and Communication.

“O 5% restante son informacións neutras, polo que, neste tipo de temas, como balóns de fútbol, campos, pavillóns, porterías… os homes teñen máis presenza cuantitativa que as mulleres”, apunta esta profesora do departamento de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da universidade.

Esta situación non mellorou de forma significativa co paso dos anos. Os resultados da análise dos catro principais diarios deportivos españois realizado por esta investigadora varían en función da provincia.

Nos xornais de Madrid obsérvase un retroceso nas informacións protagonizadas por mulleres nas últimas décadas: en Marca, pasou do 5,6% no ano 1979 ao 4,22% en 2010; no As, do 7,72% en 1979 ao 4,45% en 2010. Nos diarios cataláns, en cambio, aumenta: en Sport, do 2,63% en 1979 subiu ao 3,3% en 2010; e en El Mundo Deportivo, incrementouse do 2,5% en 1979 ao 5,05% en 2010.

Estas diferenzas increméntanse se se considera que non todas as mulleres que aparecen nas informacións destes diarios especializados pertencen ao ámbito deportivo. De feito, un estudo recente publicado en Cuadernos de Psicología del Deporte diferencia entre dous perfís de mulleres: as propias do ámbito deportivo (xogadoras, adestradoras) e outras que denomina como “invitadas”, que polo xeral son parellas, familiares, famosas ou afeccionadas.

“A nivel cuantitativo teñen máis presenza as primeiras (un 86,8%); pero, a nivel cualitativo, a muller invitada ten moita máis presenza polo tamaño da información, fotografías, tipos de páxinas que ocupa, etc”, explica a investigadora. Ademais, neste tipo de imaxes o estereotipo máis fomentado é o relacionado cos atributos femininos; así, adoita presentarse á muller como arquetipo decorativo ou como obxecto de desexo.

Esta desigualdade faise patente tamén noutros elementos xornalísticos. Nos titulares só aparecen nomes femininos no 2% dos casos e unicamente nun 0,81% das referencias se inclúen citas de mulleres . “En case o 50% dos casos os fitos das deportistas quedan reducidos a un simple breve, o xénero máis humilde do xornalismo, o que supón un reducionismo no tratamento destas informacións”, sinala Sainz de Baranda, que publicou a súa tese doutoral sobre este tema.

Fútbol e tenis, rei e raíña

Os datos deixan claro que, se o fútbol é o deporte “rei” (65,71%), a “raíña” é o tenis (29,35%). No caso das informacións “mixtas”, o deporte máis frecuente é o atletismo (23,29%). Do mesmo xeito, o fútbol é o tema máis recorrente das informacións “neutras” (20,4%), entre as que abundan as centradas no estado do céspede, os estadios de fútbol, material deportivo, etc.

“Nos medios aparecen todos os aspectos relacionados co mundo do fútbol, que van aumentando ao longo do tempo e contribúen a agravar o vello problema da desinformación e a descompensación informativa”, comenta a profesora. A excepción do fútbol, os éxitos na maioría de deportes non se seguen de modo constante nas páxinas destes diarios; fálase deles, pero de xeito moi puntual. “E como a muller triunfa en deportes con menor cobertura e a súa presenza é inferior, a súa invisibilidade aumenta”, recalca.

Entre as barreiras que dificultan que a muller poida dedicarse profesionalmente ao deporte destaca a persistencia de certos estereotipos, a escaseza de axudas públicas destinadas ao fomento da práctica deportiva feminina e a inexistencia de incentivos económicos para que as empresas invistan nestas competicións polo “suposto” menor espectáculo que supoñen.

Outra das causas que provocan esta situación é que as futbolistas non poden ser profesionais. “Existe un real decreto (Real Decreto 1835/1991, de 20 de decembro, sobre Federacións deportivas españolas) que permite que as federacións, a de fútbol en concreto, non profesionalice ás mulleres en igualdade de condicións que os homes”, denuncia a investigadora. “Aducen que, economicamente, non é rendible que unha muller xogue como profesional, pero en realidade non é un problema de rentabilidade, senón un problema de dereitos laborais fundamentais”, sentenza.

Máis información:

  • Tese: Mujeres y deporte en los medios de comunicación: estudio de la prensa deportiva española (1979-2010). Autora: Clara Sainz de Baranda Andújar. Dpto. de Periodismo y Comunicación Audiovisual de la UC3M. Directores: Pilar Diezhandino y Ángel Bahamonde. Año: 2013. URI e-archivo de la UC3M: http://hdl.handle.net/10016/16505
  • Artigo: Las mujeres en la prensa deportiva: dos perfiles. Autora: Clara Sainz de Baranda Andujar. Cuadernos de psicología del deporte. Vol. 14, Nº. 1, 2014, págs. 91-102. ISSN 1578-8423. URI e-archivo de la UC3M: http://hdl.handle.net/10016/18951
  • Comunicación: Deportes en la prensa deportiva: ¿una cuestión de género? Clara Sainz de Baranda Andújar. II International Conference Gender and Communication . Sevilla, 1 al 3 de abril de 2014.
    http://congreso.us.es/gendercom/index.php/es/

Fonte: UC3M

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*