No Día do Científico Galego, homenaxe a Luís Iglesias

luis_iglesiasIniciativa da Real Academia Galega de Ciencias para o vindeiro 16 de xuño.

O naturalista Luis Iglesias será o protagonista este ano 2014 do Día do Científico Galego, que se celebrará o 16 de xuño. A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) aprobou por unanimidade a elección de Iglesias pola súa contribución á entomoloxía e á loita contra as pragas agrícolas causadas tanto por insectos como por fungos, cunha especial atención a Galicia.

Luis Iglesias dálle nome ao Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago (USC), a colección de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia, que ten previsto reabrir as súas portas na súa nova sede coincidindo con esta celebración. O museo fora creado no século XIX, pero logo dunha etapa de decadencia polo abandono das autoridades universitarias e políticas recuperou o seu esplendor a principios do século XX en gran medida grazas á achega de Iglesias, que contribuíu cunha colección de cerca de 6.000 insectos clasificados e documentados.

Aínda que o acto académico conmemorativo se celebrará o 16 de xuño, grazas á colaboración de educaBarrié, a iniciativa da Fundación Barrié para achegarse á comunidade educativa, as actividades de difusión estendéronse ao longo de todo o ano, con especial atención á contorna escolar.

Ademais, o Concello de Santiago vén de acondicionar o parque de San Roque como Parque das Ciencias Padre Sarmiento e nos seus bancos colocou placas alusivas aos científicos galegos recoñecidos pola RAGC, coa previsión de que durante o Día do Científico deste ano se coloque a correspondente a Luis Iglesias.

A RAGC organiza este ano a sétima edición do Día do Científico Galego, co que a comunidade científica galega quere homenaxear as figuras máis destacadas da súa historia, difundindo a súa contribución para que a opinión pública poida percibir, a través dos exemplos máis destacados do pasado, o prestixio actual da investigación en Galicia e a necesidade de investir recursos nela para que o seu potencial sexa cada vez maior de cara ao futuro.

Logo de lembrar en edicións anteriores as figuras do matemático Enrique Vidal Abascal, do xeógrafo Isidro Parga Pondal, do enxeñeiro agrónomo Cruz Gallástegui, do astrónomo Ramón María Aller Ulloa, do químico Antonio Casares e do humanista Padre Feijoo, este ano homenaxéase a figura máis destacada das Ciencias Naturais en Galicia.

A Fundación Barrié organizará varios espectáculos científicos relacionados cos achados do investigador homenaxeado para escolares e para público en xeral na Facultade de Química da USC durante o Día do Científico. Tamén o 16 de xuño darase a coñecer o nome do gañador do preguntoiro científico online sobre a figura de Luis Iglesias que a fundación puxo en marcha na súa web. Ademais, a entidade elaborou unha unidade didáctica dedicada a Iglesias e ao seu legado, distribuída en todos os centros de ensino de Galicia.

Achados na fauna galega

Luis Iglesias Iglesias naceu na parroquia de Teis (Vigo, Pontevedra) en 1895 e faleceu na cidade de Pontevedra en 1976. Aínda que comezou a carreira de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela por tradición familiar, pronto se sentiu fortemente atraído polas Ciencias Naturais, ás que finalmente orientou os seus estudos a pesar da oposición inicial por parte do seu pai. Licenciouse en Madrid en 1917 e de volta en Santiago completou tamén a carreira de Medicina, aínda que só exercería como médico na guerra de Marrocos.

Mediante a súa tese de doutoramento, Iglesias foi o primeiro investigador en catalogar en España a familia de insectos coñecidos como curculiónidos, formada por gurgullos e picudos. A súa enumeración consiste en 135 xéneros con 1.117 especies destes insectos, moitos deles causantes de pragas moi prexudiciais para diferentes tipos de cultivos agrícolas. Este sería un dos detonantes que orientaron máis adiante o labor de investigación aplicada que Iglesias levou a cabo para controlar e erradicar estas e outras pragas.

Logo de doutorarse, o científico galego completou a súa formación en Italia. Durante os anos 30 fixo varias estancias de investigación en institutos de Nápoles, Roma, Florencia e Boloña. Nesta etapa iniciouse nos coñecementos que lle permitirían achegar os seus descubrimentos no campo dos insectos (entomoloxía) ás aplicacións agrícolas.

Ao seu regreso a Galicia, Iglesias exerceu como docente no Instituto de Segunda Ensinanza de Santiago, onde en 1928 se fixo coa Cátedra de Historia Natural, Fisioloxía e Hixiene, Xeoloxía e Bioloxía. En 1932 acadaba a Cátedra de Bioloxía Xeral da Facultade de Ciencias de Santiago, que ocupou ata a súa xubilación en 1965.

O seu labor investigador sobre os insectos foise centrando co paso dos anos na fauna galega, con descubrimentos significativos no campo dos coleópteros, concretamente os das familias Carabidae, Cerambycidae e Chrysomelidae. Son especialmente valiosos os seus estudos sobre o comportamento destes e outros insectos, que documentou en obras como “Escenas de la vida de los insectos” e “La vida social en el hormiguero”.

Loita contra as pragas

O seu traballo sobre as langostas españolas, os seus parásitos e os medios para combatelas, xunto con outro sobre as principais enfermidades das plantas de interese agrícola e a maneira de erradicalas convertérono nun entomólogo experto de referencia na loita contra as pragas dos insectos no campo.

Neste ámbito, Iglesias colaborou coa empresa Zeltia e dirixiu o Laboratorio de Fitopatoloxía e Consultorio de Pragas do Campo do Instituto de Estudos Rexionais, que el mesmo axudara a fundar. Durante cerca de trinta anos, o científico prestou a través deste consultorio un servizo divulgativo e práctico ao agro galego na loita contra as enfermidades provocadas nos cultivos por insectos e fungos.

Académico e reitor

Iglesias foi membro da Real Academia Galega (RAG), desde onde participou na creación da Real Academia de Ciencias de Galicia (RAGC), da que foi académico fundador. Ademais, foi reitor da USC en 1936, presidente do Seminario de Estudos Galegos (SEG) e tamén o primeiro presidente do Padroado Rosalía de Castro. Tamén lle foi outorgada a Gran Cruz de Alfonso X El Sabio.

O seu labor investigador e divulgador foi recoñecido pola USC en 1965, cando se acordou poñerlle o seu nome ao Museo de Historia Natural da universidade. Iglesias púxose á fronte del e continuou o labor de recuperación e desenvolvemento da colección iniciado polo seu mentor, Antonio García Varela.

Fonte: Real Academia Galega de Ciencias

Na web da RAGC: Luís Iglesias Iglesias
http://www.ragc.cesga.es/gl/dia-do-cientifico-galego-2014-luis-iglesias-iglesias

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*