Premio Leixaprén 2014 para María Xosé Silvar ‘Sés’

leixaprenA entrega o venres 20 de xuño no IES Félix Muriel de Rianxo.

Os máis de 450 Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino de Galicia adscritos á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) votaron entre os candidatos durante o pasado mes de maio e a elixida foi Sés.

Sés é o nome artístico de María Xosé Silvar, música e cantautora que deu os seus primeiros pasos no campo do baile e a música tradicional. É mestra e Licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social e, logo do seu paso pola banda Chámalle Xis! e de colaborar con diferentes bandas e artistas galegos, como Sés publicou os discos Admirando a condición (2011) e Co xenio destrozado (2013), unha talentosa combinación de estilos musicais que, xunto cunha voz talentosa e unhas letras traballadas, explican a grande acollida da crítica e o público. Coa mesma actitude enérxica e contaxiosa que define os seus directos, o seu compromiso co idioma queda claro cando expresa “Fago música en galego porque son galega e estou lonxe de avergonzarme de selo”.

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) organiza o Premio Leixaprén co obxectivo de premiar a persoas, entidades ou institucións que se caracterizan polo uso normalizado da lingua galega e por unha defensa activa do idioma nos seus ámbitos profesionais. As candidaturas da presente edición recaían en Fernando Vázquez, adestrador do Deportivo da Coruña, a actriz e presentadora María Mera e a moza madrileña Esther García del Barrio, alén da gañadora, a cantante e música María Xosé Silvar “Sés”.

http://coordinadoraendl.org/premioleixapren2014/

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*