Greenpeace pídelle a Lego que rache a súa relación con Shell

greenpeace_legoOs ambientalistas pídenlle á compañía xogueteira que faga presión sobre o petroleira para deter os seus plans no Ártico.

Greenpeace presentou unha nova campaña mundial dirixida á compañía de xoguetes máis grande do mundo: Lego. O seu obxectivo é mobilizar os máis de cinco millóns de persoas que apoian a campaña Salvar o Ártico de Greenpeace para que desenvolvan accións reivindicativas en todo o mundo para pedirlle á empresa de xoguetes que rompa a súa relación coa petroleira Shell polos seus plans de perforación petrolífera no Ártico. Unha destas “mini-accións” tivo lugar nas torres Kio de Madrid, que se suma ás levadas a cabo nos parques Legoland do Reino Unido e de Dinamarca.

Os mini- manifestantes escaladores “despregaron” unha pancarta nas torres Kio de Madrid co lema: “Shell, non destrúas o Ártico”. Ademais, as minifiguras de Lego realizaron “accións” no Big Ben, no Capitolio, a torre Eifel e outros sitios emblemáticos.

No seu informe “As malas compañías de Lego”, Greenpeace pídelle a Lego que non antepoña o beneficio económico por riba do seu compromiso co medio ambiente e do futuro dos nenos e nenas. A organización ecoloxista insta a Lego a racharen a súa relación co xigante do petróleo, Shell, porque está ameazando o Ártico e a fauna única que depende deste ecosistema. Greenpeace advirte que Shell está usando a Lego para neutralizar a controversia dos seus impactos sobre o clima e os seus perigosos plans para explotar o Ártico en busca de petróleo.

“O cambio climático é unha enorme ameaza para todos os nenos de todo o mundo, pero Shell está intentando apropiarse da maxia de Lego para ocultar a súa parte de responsabilidade. Está utilizando Lego para limpar a súa imaxe e desviar a atención dos seus perigosos plans de extraer o petróleo ártico. Estase aproveitando de que os nenos adoran os seus xoguetes para selar a súa lealdade para sempre. É hora de que Lego rache este acordo con Shell. Pedímoslles que defendan a protección do Ártico para as novas xeracións”, declarou Sara del Río, portavoz de Greenpeace.

Desde 2012, o programa de perforación ártica de Shell foi obxectivo de críticas por parte de organismos ambientais e ONGs. Durante este mesmo periodo vendéronse ou agasalláronse 16 millóns de kits de Lego nas estacións de servizo en 26 países, o que fai a Shell un importante contribuínte ás vendas globais de Lego.

A compañía de publicidade de Shell valorou o recente acordo de dous anos en 116 millóns de dólares, e informa que Shell logrou un incremento do 7,5% en vendas en todo o mundo durante esta promoción. Lego confirmoulle a Greenpeace que durante este ano vaise aumentar a promoción conxunta entre Shell e Lego.

Fonte: Greenpeace

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*