Viñetas desde o Atlántico 2014, asoman os primeiros zombies e superheroes

salon-comic-coruna-2013O debuxante británico Charlie Adlard (The Walking Dead), entre os avances do cartel. Do 4 ao 10 de agosto na Coruña.

O debuxante británico Charlie Adlard, responsable do apartado gráfico dunha das series máis aclamadas na industria americana, que transcendeu as fronteiras do medio grazas á súa adaptación televisiva: “Os mortos vivintes” (The walking dead) é unha das primeiras confirmacións á cabeza do cartel de Viñetas desde o Atlántico para este verán.

E alén dos lápices de debuxo, será tamén un convidado excepcional o guionista belga Benoît Drousie, quen co pseudónimo de Zidrou asinou algunhas das obras máis memorables da bande dessinée contemporánea, como “Lydie” ou “Quen lle zurcía os calcetíns ao rei de prusia mentres estaba na guerra?”, debuxadas por Jordi Lafebre e Roger Ibáñez, vellos coñecidos do Viñetas, ou “O folies bergère”.

Precisamente o terceiro protagonista avanzado pola organización do certame colaborou con Zidrou en “A pel do oso”. Trátase de Oriol Hernández, debuxante natural de Tarrasa que se alzou co Premio do Salón Internacional do Cómic de Barcelona ao Autor Revelación de 2012, polo seu traballo nese álbume.

A pegada galega e española
Está tamén confirmada a participación no evento este 2014 do coruñés Jano, quen ademais de participar na fundación do coletivo Polaqia colaborou en numerosas revistas e fanzines, ademais de publicar álbumes como “Layka”, “Centoloman”, “Ratoon” ou os máis recentes “3×1” e “Operario”.

Tamén visitará o festival coruñés Montse Martin, debuxante multipremiada que mostrou o seu bo facer en obras como “Talismán” ou “Curiosity Shop” e Vicent Llobell Bisbal, quen máis coñecido como Sento consolidouse como unha das voces máis interesantes da Nova Escola Valenciana. Con “Un médico novato”, a súa obra máis recente, colleitou o Premio Internacional Fnac-Sins entido 2013.

Está confirmada ademais a presenza de Marcos Martin, quen tras despuntar nas dúas grandes editoriais en calidade de portadista e debuxante de páxinas interiores -apañando diferentes nominacións aos Premios Eisner grazas ao seu traballo en “Daredevil” e “The Amazing Spider-Man”-, embarcouse xunto a Brian K. Vaughan e Muntsa Vicente no proxecto de creación propia dixital “The Private Eye”, autoeditado a través do selo Panel Syndicate. E en segundo lugar, Javier Rodríguez, fogueado no mercado español e francés -“Wake Up”, “Medo”, “Lolita HR”- para posteriormente destacar como colorista e debuxante alén do Atlántico, tendo participado en títulos como “Batgirl: Ano un”, “Breach”, “The Amazing Spider-Man” ou “Daredevil”.

Todos eles e máis, na cita co cómic na Coruña en diferentes sedes entre o 4 e o 10 de agosto. Viñetas desde o Atlántico 2014

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*