O rexeitamento fronte á inxustiza entre primates empúxanos a cooperar

Os monos capuchinos viven en sociedades cooperativas/ Imaxe: Brosnan
Os monos capuchinos viven en sociedades cooperativas/ Imaxe: Brosnan
Unha ampla revisión de estudos sobre a moral de primates e outros animais proba que as especies cuxos individuos cooperan entre si, son moi sensibles ante as desigualdades. Os monos capuchinos, por exemplo, rebélanse cando reciben un premio menos saboroso que o do compañeiro. Só os humanos e algúns primates, como os chimpancés, somos capaces de queixarnos se o reparto é inxusto para o próximo; e facémolo para evitar futuros conflitos.

Sentido da xustiza

Vostede está contento co seu salario ata que se decata de que o seu compañeiro do lado, co mesmo posto, gaña máis. A razón evolutiva deste forte sentido da equidade, que os humanos comparten con outros animais, intrígalles aos científicos. “Interésanos saber por que os humanos non somos felices co que temos, aínda que sexa bo, se alguén ten máis que nós”, di a psicobióloga Sarah Brosnan, da Universidade Estatal de Georgia (EUA).

“Neste sentido da xustiza fundaméntanse desde a discriminación salarial ata a política internacional”, engade Brosnan; con todo, non se sabe cal é a súa orixe na historia da evolución. En busca das súas raíces, durante as dúas últimas décadas xerouse unha gran cantidade de literatura sobre a moral dos animais, en especial dos primates.

Brosnan e o primatólogo Frans de Waal, da Universidade Emory (Atlanta, EUA) publicaron na revista Science unha revisión de máis de noventa artigos sobre as respostas á desigualdade de primates e outras especies. Os científicos chegaron á conclusión de que “o sentido da xustiza non evolucionou porque si, senón para asegurar os beneficios que se obteñen da cooperación a longo prazo”.

Para De Waal, a moral baséase en dous alicerces fundamentais: a reciprocidade e a empatía. Só en relacións de cooperación das que se espera un beneficio recíproco xorde, nalgunhas especies, o concepto de xustiza.

Entre primates é habitual establecer vínculos de cooperación con outros, ata se non son parentes. Precisamente, con individuos alleos á familia o rexeitamento á inxustiza faise máis forte. Frans de Waal explícalle a Sinc por que: “Hai menos competición nestas relacións. Cando os individuos viven xuntos durante moito tempo, perden a conta das veces que colaboran. Pero se eu lle fago un favor a un coñecido, recordareino por ser algo que non sucede con demasiada frecuencia”.

O problema para a cohesión da comunidade comeza cando o coñecido non colabora como se espera ou se obtén máis beneficios que os demais. Segundo explican os investigadores, “os individuos que perciben resultados desiguais poderían obstaculizar a cooperación e atopar un novo compañeiro”.

Por que a min me dan cogombro e ao meu compañeiro uvas?

Os experimentos levados a cabo con primates, cans, elefantes e corvos sosteñen que os animais que traballan de forma cooperativa recoñecen a inxustiza nos resultados que son froito dun esforzo similar.

Nun coñecido experimento realizado por De Waal e Brosnan, dous monos capuchinos (Cebus capucinus) recibían un anaco de cogombro por unha acción realizada correctamente.

Nun primeiro momento, ambos aceptaban o premio, ata que un deles observaba que, polo mesmo esforzo, o seu compañeiro obtiña unha gratificación superior: uvas. O mono, entón, rexeitaba o cogombro malia que isto agrandaba a diferenza entre ambas recompensas. Aínda que as uvas sempre estiveran á vista, xunto aos anacos de cogombro, non foron un problema ata que o seu compañeiro se beneficiou delas.

O xogo do ultimátum

A extrapolación deste experimento aos seres humanos é o xogo do ultimátum. Nel participan dous individuos. Un encárgase de repartir unha cantidade de diñeiro fixa de forma que, se o outro está de acordo coa distribución, ambos reciben a cantidade aceptada, pero de non facelo, non hai recompensa para ningún. A grandes desigualdades “cuxa percepción depende da cultura”, o suxeito que recibe unha oferta menor á esperada castiga ao compañeiro negándolle a recompensa.

Brosnan e de Waal distinguen dous tipos de aversión á desigualdade: a que supón unha vantaxe para o individuo e a que xoga na súa contra. O máis común entre todas as especies é protestar cando a inxustiza nos prexudica. Só os humanos e algúns primates, como os chimpancés, se senten incómodos ante unha desigualdade que lles beneficia e ata chegan a rexeitar o trato de favor.

“Renunciar a unha vantaxe para conseguir un beneficio a longo prazo require non só capacidade de pensar no futuro, senón tamén certo autocontrol”, explica Brosnan. Este segundo paso, que esixe habilidades cognitivas superiores, leva a un verdadeiro sentido da xustiza, engade a autora.

A actitude tamén conta

Segundo varios dos estudos analizados polos dous investigadores, para algúns animais a actitude á hora de colaborar é tan importante como os resultados. Por exemplo, os monos capuchinos son reticentes a colaborar cun individuo que monopoliza a recompensa. Isto indica que “o que impide a colaboración non é a desigualdade per se, senón que se combina coa actitude do compañeiro”.

Para De Waal, isto tamén nos sucede aos humanos. Preferimos non colaborar con persoas que nos demostraron actitudes nocivas, incluso renunciando a unha recompensa segura.

O estatus dos individuos é outro factor determinante na resposta á desigualdade. En grupos de primates con xerarquías moi establecidas, os individuos acatan situacións que non lles benefician a favor dos membros máis influíntes do grupo, porque é o que se considera xusto, pero non as aceptan con membros da súa mesma posición social.

Os estudos revelan unha maior tendencia dos chimpancés a actuar de xeito solitario fronte a outras especies como os monos capuchinos ou os bonobos.

Para De Waal, esta actitude independente pode proporcionar vantaxes sempre que sexa viable, pero non sempre o é: “Se un chimpancé pode obter vantaxes por si mesmo, preferirá actuar só. Os humanos probablemente tamén. Pero hai algunhas vantaxes que non pode obter só e necesita compañeiros. Aí é onde xorde a cooperación e empeza a cobrar sentido comparar os propios esforzos coas súas recompensas”.

Fonte: Axencia SINC

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*