O apoio social e o xeito de afrontar o autismo dun fillo resultan esenciais no benestar dos pais

As estratexias positivas teñen especial relevancia para o benestar psicolóxico das nais
As estratexias positivas teñen especial relevancia para o benestar psicolóxico das nais
Ter un fillo con autismo afecta á calidade de vida de toda a familia. Investigadoras da UNED estudaron que é o que máis inflúe nos proxenitores destes nenos e descubriron que tanto a forma de afrontar a situación como o xeito en que se percibe, xunto aos apoios sociais teñen un papel relevante.

O que máis inflúe na calidade de vida dos pais e nais de nenos con trastorno do espectro de autismo é a súa forma de percibir a situación, e non tanto o grado de severidade do autismo do fillo ou filla. Así se desprende dun estudo realizado na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e publicado en Journal of Intellectual Disability Research.

A través dunha aproximación global, analizando os factores que inflúen no benestar e a calidade de vida familiar de 118 pais e nais de fillos co trastorno, as investigadoras descubriron que o factor máis influínte é a capacidade de atoparlle sentido á súa situación.

Unha das escalas utilizadas é a que mide o sentido de coherencia, é dicir, “a que avalía en que grao os pais perciben que teñen certo control sobre as súas vidas, entenden o que está ocorrendo e séntense coa capacidade para manexar a situación e afrontar os problemas, tratándoos máis como retos que como ameazas”, explica Pilar Pozo, investigadora da UNED e autora principal do traballo.

“Os proxenitores que presentaban valores máis altos nesta escala aseguraban experimentar un maior grao de benestar e maior calidade de vida familiar”, destaca Encarnación Sarriá, investigadora da facultade de Psicoloxía da UNED e outra das asinantes do estudo.

En canto á forma de enfrontarse á situación, as expertas atoparon diferenzas en función do sexo do proxenitor. Os dous tipos básicos de estratexias diferéncianse en positivas, que afrontan o problema centrándose nel e buscando recursos para facerlle fronte, e aquelas que o evitan, negando a situación ou buscando vías de escape.

“As estratexias positivas teñen especial relevancia para o benestar psicolóxico das nais. En comparación cos pais, o estudo reflicte que as utilizan máis que eles”, indica Pozo.

Os participantes tiñan unhas idades medias de 44,6 anos no caso das mulleres e 46,7 no dos homes. Case a metade tiñan formación universitaria e, respecto ao emprego, o 49,1% das nais traballaba, fronte ao 88,1% dos pais. A maioría das familias estaban formadas por catro membros, e o fillo afectado de autismo acudía a unha escola específica no 55,9% dos casos.

As autoras subliñan que, aínda que as características especiais dos nenos con autismo poden afectarlle negativamente ao benestar dos proxenitores e á calidade de vida familiar, factores como o apoio social, a forma de afrontar a situación e a súa forma de percibila teñen un papel relevante no resultado final.

“Nestes factores pódese intervir, facilitando o acceso aos servizos que dean o apoio social necesario para atender as necesidade especiais dos seus fillos, xunto cun apoio psicolóxico que lles axude a desenvolver estratexias para afrontalo que sexan eficaces”, conclúe Sarriá.

———

Referencia bibliográfica: P. Pozo, E. Sarriá e A. Brioso. ‘Family quality of life and psychological well-being in parents of children with autism spectrum disorders: a double ABCX model’, Journal of Intellectual Disability Research, 58, maio 2014. DOI: 10.1111/jir.12042.

FONTE: Uned

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*