Viravolta leva Barriga Verde ao San Froilán

barriga_verde_exposicionAdemais da representación, estará a exposición, que recibe pezas orixinais do Centro Internacional de Títeres de Tolosa

Rematada a súa estadía en Lisboa, unha colección de títeres orixinais propiedade do Centro Internacional de Títeres de Tolosa, chega a Lugo para completar a mostra que se pode ver no Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos ata o vindeiro 15 de outubro

A exposición Barriga Verde, de feira en feira, que se pode ver na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, en Lugo, recibe unha colección de pezas que completa de xeito especial os seus contidos. Desde Lisboa, onde fixo parte doutra exposición, chega a Lugo unha colección de títeres orixinais propiedade do Centro Internacional de Títeres de Tolosa. Estas pezas permiten coñecer polo miúdo e ao vivo o feitío da parentela europea de Barriga Verde.

A máscara negra do Pulcinella, o sombreiro cónico de Punch, as corcobas de Polichinelle, a seriedade do Don Cristobal ou a sinxeleza de Kasperl son algunhas das peculiaridades que os visitantes poderán coñecer sobre estes personaxes. Toda unha variedade de formas e de nomes baixo as que se agocha un argumento único e universal que a familia Silvent popularizou en Galicia co seu espectáculo Barriga Verde.

En paralelo á mostra, e dentro da programación das festas do San Froilán, Viravolta Títeres ofertará unha sesión do espectáculo Barriga Verde. O Patio do Seminario acollerá ás seis da tarde do vindeiro martes 7 de outubro a versión coa que esta compañía rescatou do esquecemento a obra clásica dos Silvent. O Barbeiro, o Touro, o Crego, Rosita e, como non, Barriga Verde, voltan ao San Froilán para continuar unha tradición de décadas.

A Asociación Cultural Morreu o Demo, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación do Lugo, o Concello de Pontevedra, o Museo Provincial de Lugo e mais o Museo do Pobo Galego, son os responsables da exposición na que explora a figura e a historia de Barriga Verde e a pon en contexto co mundo das feiras e mais coa tradición europea de títeres.

Dentro da mostra poden verse os bonecos orixinais que José Silvent empregaba no seu espectáculo, que saen ao público por vez primeira desde as súas últimas actuacións hai xa medio século. Ademais, fragmentos da auténtica barraca que visitaba as feiras e material orixinal doutras atraccións fan parte do proxecto.

A AC Morreu o Demo quere animar a todos os lugueses a visitar esta mostra e comprobar por si mesmo ata o alcance deste legado que fica aínda vivo na memoria de xeracións de galegos. A exposición permanecerá aberta ata o vindeiro 15 de outubro.

A mostra intégrase no Proxecto Barriga Verde, coa que a Asociación Cultural Morreu o Demo quere reividincar a figura do máis coñecido títere popular galego. Ademais, reivindica a súa vixencia para a actualidade e pretende popularizar de novo o personaxe adaptándoo as inquendanzas da sociedade e ás actuais posibilidades de difusión.

Máis información
http://barrigaverde.eu/
http://museolugo.org/documentos.asp?mat=28&id=2381

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*