O Caderno Verde faise un oco entre os recursos recomendados polo CENEAM

caderno_verdeO Centro Nacional de Educación Ambiental incorpora este proxecto de Sogama e a Consellería de Medio Ambiente, co que colabora tamén Botóns.

  • Contando co apoio da Consellería de Medio Ambiente e o Portal Galego de Educación Botóns, www.cadernoverde.com incorpora, de forma transversal, a dimensión ambiental en todas as disciplinas obxecto de estudo durante a primeira etapa académica (Infantil e Primaria).
  • Esta plataforma tivo unha excelente acollida nos centros escolares galegos, servindo de apoio no labor diario dos profesores, que á vez que ensinan aos pequenos, tamén traballan na área do medio ambiente, mostrando aos seus alumnos as vantaxes do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

A plataforma educativa de Sogama “Caderno Verde”, fíxose un oco entre os recursos recomendados polo Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM), entidade dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA), sendo todo un referente no sector. Non en van, dende 1987 dirixe o seu traballo cara a promoción da responsabilidade da cidadanía respecto ao medio ambiente, fomentando o seu compromiso coa protección e coidado da contorna. Desta forma apoia e dá servizo a todos os colectivos, tanto públicos como privados, que desenvolven programas e actividades de educación ambiental.

Contando co apoio da Consellería de Medio Ambiente e o Portal Galego de educación Botóns, www.cadernoverde.com incorpora, de forma transversal, a dimensión ambiental en todas as disciplinas obxecto de estudo nos distintos niveis educativos correspondentes á primeira etapa académica (Infantil e primeiro, segundo e terceiro ciclo de Primaria).

Personaxes de referencia

A través de personaxes xa coñecidas tales como a Familia Trebón (Anselmo, Carola, Lucas, o can Antenas, Tito, Lilia e o gato Evaristo, ademais do profesor Uxío), protagonistas dos videocontos de Planeta Verde, e os amigos de Vilaverde, isto é, Aloia, Brais, Tomei e Mireia, xunto co avó Celso e o can Cirilo, os pequenos viven unha serie de aventuras medioambientais coas que aprenden a preservar a natureza, adoptando aqueles xestos e comportamentos cos que contribuír a lograr un mundo mellor, máis limpo e máis solidario, xa que non debe esquecerse que a través deste soporte formativo tamén se divulgan valores como a amizade, a responsabilidade, a xenerosidade e a tolerancia, fundamentais para unha convivencia harmoniosa.

Así, o medio ambiente está presente nas distintas disciplinas obxecto de estudo: Matemáticas, Lingua Castelá, Lingua Galega, Coñecemento do Medio, Inglés e Educación Artística, integrándose de cheo nos contidos curriculares. De feito, as distintas fichas a disposición dos pequenos, non só lles serven para unha maior concienciación en materia ambiental, senón que lles resultan de gran axuda na propia aprendizaxe académica, servindo como recurso tanto para utilizar na escola coma no fogar, erixíndose nunha ferramenta didáctica de peso na formación integral dos pequenos.

Este proxecto, en vigor dende o ano 2012, xa conta con contidos orientados aos alumnos de primeiro e segundo ciclo de Primaria, abordando este ano os propios de terceiro ciclo. Con isto preténdese atender as necesidades de todo o alumnado, adaptando as fichas ao seu nivel de desenvolvemento e madurez.

Caderno Verde tivo unha excelente acollida nos centros escolares galegos, servindo de apoio no labor diario dos profesores, que á vez que ensinan aos pequenos, tamén traballan na área do medio ambiente, mostrando aos seus alumnos as vantaxes do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe): como levar a cabo un consumo responsable, como aproveitar ao máximo os produtos e como separar correctamente o lixo e depositar os materiais nos distintos contedores habilitados nas vías públicas para propiciar o seu posterior reciclado.

http://www.magrama.gob.é/é/ceneam/recursos/pag-web/caderno-verde.aspx

 

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*