Inicio » Entrevistas » Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cunha lei de non discriminación ao colectivo LGTB

Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cunha lei de non discriminación ao colectivo LGTB

teresa_peramatoConferencia en Ourense de Teresa Peramato, Fiscal adscrita á Fiscal da Sala contra a Violencia da Muller.

Redacción: Noemí Rey | Universidade de Vigo (Campus de Ourense)

Un repaso pola historia non deixa opción a dúbidas: agás na Antiga Grecia, non hai sociedade que non amosara o seu rexeitamento ou reprimira social e institucionalmente a aqueles cunha identidade ou orientación sexual diferente. Incluso os gregos aceptaban pero con discriminación: a homosexualidade estaba ben vista, pero só a masculina. Sentenzas a morte, castración, torturas, internamentos en campos de concentración ou centros de illamento… “Ao longo da historia a sociedade non os admite e os Estados os perseguen para aplicarlles os castigos máis duros imaxinables. E sempre negándolles os seus dereitos”, explica Teresa Peramato, Fiscal adscrita á Fiscal da Sala contra a Violencia da Muller e autora do libro Desigualdad por razón de identidad sexual e identidad de género, homofobia e transfobia, do que falou esta mañá nunha conferencia no Edificio de Ferro do campus de Ourense.

O relatorio serviu para achegar ao público á realidade que vive o colectivo de LGTB (lesbianas, gays, transexuais e bisexuais) non só en España, no terceiro país do mundo en aprobar o matrimonio entre parellas do mesmo sexo, senón tamén fóra das nosas fronteiras. “A nivel institucional España atópase nunha situación moito máis igualitaria e garante dos seus dereitos que noutros, non soamente con respecto a por exemplo eses oito estados nos que os condenan a morte ou nos 78 nos que non ser heterosexual está considerado ilegal con distintas penas, senón con respecto a moitos outros nos que aínda non poden casar, non se lles recoñece a posibilidade de acceder a técnicas de reprodución asistida ou nos que son rexeitados no exército”, salienta Peramato.

E Galicia vai un paso por diante. “Tivemos a fortuna de ser a primeira comunidade autónoma que dispón dunha lei de non discriminación ao colectivo de LGTB, aínda moi recente, de abril deste ano”, asegura María Lameiras, investigadora do grupo PT1 Saúde, Sexualidade e Xénero, organizador da conferencia. Esta, xunto á nova lei de Catalunya, “serven para encher o baleiro nacional existente en relación a unha regulación que contribúa a unha sociedade máis igualitaria onde sexamos capaces de convivir todos e todas coas nosas diferenzas e cos mesmos dereitos e oportunidades”.

Os famosos dan a cara
A pesar dos pasos cara adiante dados cos anos, a orientación sexual segue sendo motivo de “acoso, burlas, desprezo… o que coloca a este colectivo nunha situación de temor constante que coarta a súa liberdade, restándolles benestar e saúde”. Foi para seguir camiñando na senda da igualdade polo que Teresa Peramato escribiu este libro, para “sensibilizar e concienciar sobre a necesidade de que a poboación en xeral amosemos un rexeitamento absoluto a toda forma de discriminación, calquera que sexa a causa ou a persoa que a sufra. A intolerancia pola intolerancia non ten sentido”.

Unha tarefa de concienciación e de educación na que xogan un papel importante as caras famosas. O cambio de sexo da actriz Charice Pempengco; a primeira candidata transexual a un premio Emmy, Laverne Cox; o recoñecemento público da súa homosexualidade do cantante Ricky Martin ou o máis recente de Tim Cook, conselleiro delegado de Apple… Son pequenos pasos cara unha “visibilización” e normalización da situación. “Non teñen por que ocultar nin a súa identidade nin a súa orientación sexual, son persoas igual que as demais, cos mesmos dereitos e coa posibilidade de dicilo con absoluta claridade. Os seus actos son un paso adiante e axudará ao colectivo, sen dúbida”, recoñece.

Da man coa violencia de xénero
Para a Fiscal, a discriminación por orientación ou identidade sexual camiña da man coa violencia de xénero, xa que “as dúas permanecen ocultas” e o nivel de denuncias que chegan aos xulgados non reflicte a realidade. “Homosexuais, transexuais, bisexuais… en moitos casos ocultan a súa condición, como as vítimas de violencia doméstica ou de xénero agochan o que lles pasa e non denuncian”, recorda.

Fonte: Universidade de Vigo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*