A presenza feminina nos postos directivos das empresas está lonxe dos obxectivos marcados pola lei

igualdade_conferenciaFronte aos países nórdicos, en España a cifra de mulleres nos consellos de administración non alcanza o 20%.

Os países nórdicos nos que se impuxeron obxectivos xuridicamente vinculantes e normas de obrigado cumprimento son os que teñen un nivel de participación de mulleres en consellos de administración que alcanza o 40% mentres que no resto de países europeos, que optaron unicamente por políticas de promoción e divulgación das vantaxes da igualdade, as cifras non superan o 16% e o avance é moitísimo máis lento. Así o asegurou este mércores nas Xornadas sobre igualdade de xénero e poder de decisión na empresa na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo a vicepresidenta da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), Lourdes Centeno, que fixo fincapé en que España está aínda moi lonxe de alcanzar os obxectivos que se marcaban na Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes, vixente ata o vindeiro 1 de xaneiro.

“As sancións favorecen un cumprimento moito máis rápido dese equilibrio de xénero que, dalgún xeito, sen sancións, se ralentiza moito máis tempo”, recalcou Centeno que defendeu a necesidade dunha “intervención regulatoria limitada e no tempo” para conseguir unha presenza equilibrada de xénero nos consellos de administración e, neste senso, subliñou que a propia CNMV recomenda no seu código de bo goberno, publicado o pasado ano, que as empresas velen porque os procesos de selección favorezan a igualdade de xénero e non adoezan de trazos que poidan levar á discriminación.

A crise económica freou o impulso da lei de 2007

O número de conselleiras do Ibex 35, o principal índice bolsista, pasou de 61% en 2011 a un 75% en 2013, segundo relatou Centeno, que explicou que este incremento do 23%, “está na tónica xeral dos índices que se rexistran no resto de Europa”, ao que engadiu que, no caso español a presenza de mulleres nos postos do Consello de Administración é do 16% fronte ao 19% da media europea, segundo os datos feitos públicos pola Comisión Europea en outubro de 2013.

Pola súa parte outra das relatoras da xornada, Ana Belén Campuzano, catedrática de Dereito Mercantil e decana da Facultade de Dereito da Universidad San Pablo CEU de Madrid, insistiu na idea de que “se ben os avances son innegables os obxectivos da lei de 2007 están moi lonxe de cumprirse”, un aspecto que vinculou directamente non só coa falla de sancións e medidas concretas para casos de incumprimento, senón tamén coa chegada da crise económica que propiciou “toda unha serie de circunstancias económicas que cambiaron as prioridades tanto das empresas, inmersas na loita pola supervivencia, como do propio goberno”.

Ciclo de actividades Igualdade de Xénero e Dereito Mercantil

A xornada completouse cunha mesa redonda moderada polo profesor Jorge Falagan, coordinador do Programa de Simultaneidade ADE-Dereito, na que participaron profesionais de destacadas empresas da contorna viguesa: Sonia Barreiro, do Consello de Administración de Conservas y Frigoríficos del Morrazo SA; Ana Alonso, directora financieira de CITIC-Censa, e Amaya Echevarría, xefa indusrial de Elnosa.

Coordinada polos profesores Pablo Fernández Carballo-Calero e Francisco Torres, esta xornada encádrase no ciclo de actividades Igualdade de Xénero e Dereito Mercantil, dirixido polos catedráticos Anxo Tato e Julio Costas, que este curso voltou á Universidade tras exercer como conselleiro da Comisión Nacional da Competencia e a quen a decana do centro, a catedrática Ana Mª Pita, aproveitou a xornada para darlle a benvida “de novo a esta casa que é a túa”.

Fonte: D.Besadío / Universidade de Vigo

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*