Actividades para nenas e nenos no Culturgal 2014

culturgalTeatro, música, libros ou obradoiros para pasalo ben na propia feira mais tamén para achegarse ao vivo á cultura galega, coñecendo a escritoras, músicos, actrices ou debuxantes que fan aqueles produtos cos que soñan, cantan, rin, pásano ben e tamén aprenden.

Para as criaturas non hai parada en Culturgal, teñan o tempo que teñan. Que novidades hai no formato libro-CD? Todas están en Culturgal. Magín Blanco presentaranos Gatuxo (Fol Música), o seu regreso á música infantil. Xoán Curiel e a banda Son+d2 traeranos Estamos no verán!!! (Sonárbore. Galaxia) a historia duns amigos que crean un grupo musical. Con As mamiñas coñeceremos Unha viaxe polo mundo (Sonárbore. Galaxia) e con Paco Nogueiras Brinca Vai!! De aquí e acolá (Kalandraka) ilustrado por un premiado David Pintor que tamén estará no noso Espazo Infantil. Pitusa semifusa, de Olga Brañas (Sonárbore. Galaxia) ou Té, chocolate, café, de Golfiños son outros dous libro discos que chegarán ao Culturgal da man dos seus autores.

Novos, noviños chegan Non hai berce coma o colo, (Kalandraka), os cantares de arrolo con Paulo Nogueira e Magoia Bodega, a Estación Nadal de Mamá Cabra (Sonárbore, Galaxia ) e Lucecús de Pirilampo (Sonárbore, Galaxia)

O concerto do domingo, ás 12 horas, traeranos o Proxecto María Fumaça capitaneado por Uxía co seu Xiqui Xoque Fiú Fiú no Auditorio do Pazo da Cutlura.
Durante os tres días non deixará de sentirse a música para nenas e nenos e polo recinto pasarán as “Panxoliñas Surfing” de Barafunda Animación ou Banda dos Cueiros.
Teatro, moito teatro

O programa énchese tamén de espectáculos de todo tipo pensados en público de menos tamaño. Tanxarina tráenos a súa nova proposta A casa do avó; A tropa de Trapo presenta O ritmo do camiño e teremos tamén A Xanela do Maxín con O murmurio do mar.

Viravolta Títeres ofrecerá O galo Quirico e os seus amigos e Catro tempos dirixirase aos bebés co seu Teatro do miolo no Espazo bebés onde o sábado chegarán os “Contos en cueiros”. Non esquezades que ten aforo limitado!

Os libros da merenda de Urco Editora, os minilibros a prezo pequeno, chegan co seu espectáculo nun programa inzado de propostas no que non falta Peter Punk e o seu Peor Imposible, Daboapipa de Vero Rilo e Santi Prieto, Chíos de Teatro da Semente, Non é país para cabaleiros de Teatro dos Ghazafelhos ou Pepiña Maruxiña, de Barafunda Teatro.
Chelo Loureiro de Abano Producións e Pilocha presentarán a película A tropa de trapo na selva do arco da vella.

Libros para sorprender
Anxo Fariña, autor dos Megatoxos, xa para máis grandiños, atoparase cos seus novos lectores e lectoras e Pere Tobaruela e Andrés Meixide presentarán unha nova colección de libros, Formig4s, os dous de Xerais. Ouvirmos traeranos o primeiro da súa serie de Xoguetes naturais, dedicado a primavera-verán, cos seus autores Xosé López e José M. García.
Coas mans na masa chegan dúas autoras que están a ter un grande éxito cos seus novos libros. Soledad Felloza vén co seu A cociñeira do rei (Oqo) e Ledicia Costas asómase a culturgal con Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais), os dous premiados e aplaudidos por nenos e nenas.

Libros, discos, teatro e moito máis… Obradoiros como os de Gonzalo Guerreiro que levan a arte ás aulas, o de Kaleid@Labs que fan “científic@ por un día”, o da Asociación Morreu o Demo de marionetas de papel ou o de xogo, “Atrévete a entrar no bosque pola noite”.

Que no Culturgal nenos e nenas son protagonistas abonda con ver a nosa programación. Ademais dun amplo abano das máis novas propostas cos seus creadores e creadoras, o mundo da infancia terá presenza noutros espazos, como a presentación do libro A cidade dos nenos: un xeito novo de pensar a cidade. De Francesco Tonucci con presenza do alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores ou da revista dixital especializada en literatura infantil e xuvenil, Criaturas, con Ledicia Costas, Daniel Landoso, Xabier P. Do Campo, Montse Pena e Laura Saez.

Fonte: Culturgal

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*