Perto de 269.000 toneladas de plásticos flotan nos océanos do planeta

Lugares nos que son máis abundantes os plásticos en función do tamaño das pezas / Laurent Lebreton
Lugares nos que son máis abundantes os plásticos en función do tamaño das pezas / Laurent Lebreton

Investigadores realizaron a ‘fotografía’ da contaminación por lixo de plástico que flota nos océanos.

A contaminación por residuos plásticos é un problema persistente nos mares de todo o planeta. Con todo, faltaban estimacións sobre a abundancia destes lixos e o seu peso a nivel mundial, sobre todo nos mares do hemisferio sur e nas rexións remotas.

Investigadores dos Estados Unidos, Nova Celandia, Chile, Francia, Suráfrica e Australia realizaron a ‘fotografía’ da contaminación por lixo de plástico que flota nos océanos: cinco billóns de pezas de plástico que pesan preto de 269.000 toneladas.

Martin Thiel, investigador da Universidade Católica do Norte (Chile), explica que para estimar estes datos, publicados esta semana en PLoS ONE, realizáronse 24 expedicións oceanográficas entre 2007 e 2013 nos cinco xiros subtropicais (grandes sistemas de correntes mariñas rotativas), a costa australiana, a bahía de Bengala e o mar Mediterráneo. Utilizando redes de arrastre e enquisas visuais, os investigadores calibraron un modelo oceánico de distribución do plástico.

Pequenos anacos de plástico confúndense con comida

Ademais da cuantificación da cantidade de plástico que flota na actualidade nos océanos, os investigadores obtiveron outros dous resultados importantes. En primeiro lugar, determinaron que a contaminación “afecta a todos os océanos, ata ás rexións máis remotas do planeta, xa que as correntes mariñas distribúen os plásticos e transpórtanos a rexións lonxe das súas fontes orixinais”, declara Thiel.

En segundo lugar, atoparon moitos menos microplásticos na superficie dos océanos do que cabía esperar considerando todos os plásticos grandes que se observaron. “Isto suxire que ao fragmentarse en pedazos pequenos poden ser inxeridos pola fauna e entrar nas cadeas alimenticias. A magnitude deste problema parece ser moito máis grande do que se sospeitaba antes”, afirma o experto.

Segundo Thiel, a contaminación por plástico afecta s ecosistemas mariños de moitos xeitos. “Os plásticos grandes, en particular redes e cordeis, poden ser trampas mortais para moitos organismos como aves mariñas, mamíferos e tartarugas”. Ademais, “ao fragmentarse en pedazos pequenos co tempo, os plásticos tamén poden ser inxeridos por moitos organismos que os confunden co seu alimento natural”. As consecuencias “aínda non se dimensionaron ben”, reitera o experto.

“Sábese que moitas aves mariñas inxiren pequenos pedazos de plástico (microplásticos), pero nos últimos anos atopouse tamén que moitos peixes e outros organismos como cangrexos ou vermes mariños inxírenos, podendo entrar nas cadeas alimenticias onde poden provocar danos importantes, mesmo aos humanos que consumen estes organismos”, subliña.

Doutra banda, os microplásticos absorben outros tóxicos disolvidos na auga, de forma que poden conter concentracións moi altas de compostos tóxicos. “Cando os organismos inxiren estes tóxicos poden ser absorbidos por eles e acumularse nos seus tecidos corporais. Sábese que estes procesos ocorren pero aínda hai moitas preguntas abertas”, aclara o investigador.

Obxectivo: parar o ‘tsunami’ de plásticos

Boa parte dos investigadores que participaron no estudo leva varios anos traballando sobre o problema da contaminación de lixo plástico nos océanos. Esta colaboración foi liderada polo investigador Marcus Eriksen, do Instituto Five Gyres dos EUA, quen realizou a maioría dos cruceiros e colaborou co equipo internacional de investigadores.

Cada grupo de traballo contribuíu con datos dos distintos océanos e todos eles participaron na avaliación dos datos. Laurent Lebreton, do Dumpark Data Science (Nova Celandia), contribuíu co modelo oceanográfico que permitiu estimar a distribución do lixo plástico polas correntes oceanográficas.

Os próximos pasos a dar nesta liña son claros: profundar en como afectan estes microplásticos aos ecosistemas mariños e en particular ás cadeas alimenticias. “Hai que investigar cales son os organismos que inxiren estes microplásticos e cales son os impactos sobre eles. Separadamente das investigacións científicas, hai que tomar accións concretas”, di o experto. “Hai que parar a ‘tsunami’ de plásticos que afectan aos nosos océanos e para iso hai que reducir o consumo esaxerado de plástico, fomentar a reutilización e pechar os ciclos do consumo”, engade

Segundo Thiel, isto require un esforzo de todos os sectores da sociedade, a política ten que acompañar e facilitar este proceso e as empresas teñen que tomar accións concretas, pero hai que empezar polas accións individuais. “É unha tarefa de todos e é unha tarefa urxente?, conclúe.

Referencia Bibliográfica

Eriksen, M., Lebreton, L. C. M., Carson, H. S., Thiel, M., Moore, C.J., et al. (2014). “Plastic Pollution in the World’s Oceans: More than 5 Trillion Plastic Pieces Weighing over 250,000 Tons Afloat at Sea”. PLoS ONE 9(12): e111913. doi:10.1371/journal.pone.0111913

 

Fonte: Axencia SINC

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*