XII Premio Pura e Dora Vázquez de narración infantil e xuvenil

premio_pura_dora_vazquezO prazo para a admisión das obras remata o 31 de decembro.

O vindeiro 31 de decembro remata o prazo para presentar traballos para o “XII Premio Pura e Dora Vázquez de narración e ilustración infantil e xuvenil”, na modalidade de narración. O galardón, dotado con 3.000 euros para as dúas modalidades, é un certame convocado pola Deputación de Ourense que quere recoñecer a calidade literaria e artística de traballos creados para nenos e xóvenes, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez.

Ao premio, na súa modalidade de narración, poden concorrer todos aqueles autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega. Os textos presentados han de ser inéditos e totalmente orixinais. As obras, cuxa temática será libre pero acaída para o público infantil ou xuvenil, terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, fonte Times New Roman, tamaño de letra 12 e interliñado 1,5 liñas.

A presentación dos orixinais poderá realizarse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense, e os concursantes deberán remitir seis exemplares da obra nun sobre pechado indicando no exterior do paquete “PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE NARRACIÓN”.

As obras irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico e unha fotocopia do DNI.

O prazo de admisión de orixinais remata o 31 de decembro de 2014, admitíndose, non obstante, aqueles que teñan sido cuñados por Correos ese mesmo día. Para esta modalidade de narración establécese un premio de 1.500 €.

O xurado estará composto polo presidente da Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, en que el delegue) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretaria a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue (con voz e sen voto). Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Educación, Cultura e Deportes da Deputación Provincial a proposta dos grupos políticos da Corporación.

A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente e este emitirá o seu ditame no primeiro trimestre de 2015. O premio poderá ser declarado deserto, no caso que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.

A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.

Unha vez fallado o premio de narración (no primeiro trimestre de 2015) convocarase o premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración. As obras presentadas nesta modalidade tomarán como base o texto premiado na modalidade de narración.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*