Alternativas ao premio e o castigo na educación dos fillos e fillas

premios_castigos

Autoras: Mercedes Fernández MéndezMaría Rosa Pavo García, pediatras 

Ao tratar o tema dos métodos disciplinarios que utilizamos cos nosos fillos e fillas, o primeiro que debemos pensar é cal é o noso obxectivo ao exercer unha medida de corrección ao neno ou nena. Pretendemos que o noso fillo/a sexa un neno/a obediente, submiso, que se “porte ben”…? Ou que chegue a ser un individuo guiado por principios e responsable das súas accións?

En artigos previos (citas) temos visto que o obxectivo da educación é conseguir que o neno chegue a ser un individuo con autocontrol, autoestima, con valores nos que basear as súas decisións e actuacións. Para conseguir esta meta, é necesario satisfacer as tres necesidades psicolóxicas básicas (amar e ser amado, ter confianza en si mesmo, comprender a vida). Isto conséguese exercendo un estilo educativo baseado en dous aspectos fundamentais: alta valoración do neno sempre, e pautas e ordes de acordo á idade e ás circunstancias, nun clima familiar no que prime o afecto.

Para satisfacer a terceira necesidade psicolóxica básica é necesario guiar e ensinarlle ao neno normas e límites que inicialmente se aprenderán grazas ao esforzo continuado dos adultos; ao medrar, vainas ir mantendo ou modificando, e nese momento pasarán a ser principios que, elixidos libremente, serán unha guía na que baseará as súas actitudes. As pautas e ordes utilízanse para que o neno aprenda e asimile as normas que os adultos establecen para a comprensión e adaptación ao mundo.

Para saber que son as normas, como se establecen e como se aplican, recomendamos o seguinte vídeo: Normas, límites e convivencia. Pedagoxía para pais. http://pedagogiaparapadres.blogspot.com.es.

Unha vez establecidas as normas, atopámonos con que debemos ensinarllas aos nosos fillos, e estes non sempre as cumpren. Que podemos facer?

A maioría dos pais e nais foi educado co método do premio e o castigo. Este método é eficaz para conseguir que o neno obedeza e se comporte ben, pero ten moitas desvantaxes: fai aos pais e nais responsables do comportamento dos seus fillos, impide que os nenos aprendan a tomar as súas propias decisións, suxire que o comportamento aceptable só é esperable en presenza dos pais, nalgúns nenos pode provocar resistencia e, noutros, submisión, que pode perpetuarse durante a adultez.

Unha alternativa é o uso das consecuencias naturais e funcionais. Este método ten as vantaxes de que o neno é responsable do seu comportamento, permítelle tomar as súas propias decisións, aprende da orde dos eventos naturais ou sociais, no canto de forzarlle a compracer os desexos doutras persoas.

Consecuencias naturais: toda acción produce un cambio na contorna. Ese cambio é ao que se lle chama consecuencias. As consecuencias naturais son aquelas que están directamente relacionadas coa conduta. Tocar o forno cando está quente ten a consecuencia natural de queimar os dedos. A consecuencia natural de xogar é divertirse.

Consecuencias funcionais: as consecuencias naturais ocorren sen a intervención dos pais e nais; os fillos aprenden directamente das mesmas. As consecuencias funcionais deben ser coidadosamente previstas e aplicadas polos pais, xa que non son o resultado natural do que se fai. Para que un neno aprenda a recoller as súas cousas, non podemos utilizar as consecuencias naturais, porque esta acción non produce ningunha satisfacción en si. Por esta razón, utilizaremos o eloxio como reforzo e axudarémoslle as primeiras veces, algo que non será necesario en diante, cando o hábito quede establecido no neno.

Práctica do método

1.Analizar a situación. Anotar a situación que se dá, a forma en que o noso fillo responde e as consecuencias, tanto as que se producen como as que deixan de ocorrer. Coidado de non confundir “resposta” con “consecuencias”.

2.Cuestionar as normas ou principios. Pregunta clave: Que consecuencias se axustan máis aos meus principios? Ter en conta a idade do neno (é capaz de facelo?) e a coherencia dos pais e nais (predicamos co exemplo?)

3.Aplicar as consecuencias. Deseñar unha estratexia para facilitar o establecemento dunha consecuencia funcional. As consecuencias funcionais habituais iniciais son o eloxio, a aprobación, sorrisos, caricias. Frases de reforzo que podemos utilizar: “Felicítote!”, “Se necesitas algo axúdoche”, “Moi ben, fuches capaz de facelo”.

Exemplo práctico: María, de 12 anos, ten a habitación moi desordenada. Doutra banda, é responsable e boa estudante. Os proxenitores deciden aplicar o método das consecuencias.

1.Analizan a situación: pola mañá sae rápido (situación); os pais dinlle que recolla, pero non lle dá tempo (resposta), e a habitación queda sen recoller (consecuencia). Ao volver do colexio, os pais pídenlle que recolla a habitación (situación); a nena non o fai (resposta), e a habitación queda sen recoller (consecuencia).

2.Cuestionan os seus principios: se María é responsable cos seus estudos, deben pedirlle que, ademais, o sexa coas cousas de casa? Os pais deciden que ser responsable cos estudos non é incompatible coa responsabilidade dentro da casa.

3.Aplican as consecuencias. Se, antes de poñerse a facer os deberes, María arranxa a súa habitación, a motivación por empezar as súas tarefas fará que se poña ao choio. Acceder aos seus libros converteríase na consecuencia por terminar de ordenar a súa habitación.

As formas son importantes!
Como os pais de María saben que responde mellor ao que se lle pide cando se fala tranquilamente con ela, intentan convencela para que acepte o que se lle suxire.

-María, estamos orgullosos da forma en que asumes as túas responsabilidades no instituto, pero, comprendes que tamén é importante que ordenes a túa habitación?
-Non é que non queira, mamá, é que teño moitas cousas que facer, e non me dá tempo.
-Seino, cariño, pero papá e mais eu cremos que, se te organizas mellor, podes ter tempo.
-Ben, e se me esquezo?
-Que che parece se ao chegar á casa deixas a mochila no salón? Vaiche ser máis doado lembrar que “debes ordenar as túas cousas” antes de comezar a traballar. Axúdoche esta primeira semana?
-Veña, probemos.

Bibliografía recomendada.

Sánchez, P; López, E; Hijano, Y. Padres consecuentes, hijos felices. Cómo educar con el método de las consecuencias naturales y funcionales. 3ª edición. Editorial Toro Mítico, 2007.

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*