Demasiada medicina?

resfriadoAutora: Carmen Martínez González.Pediatra.

Con este provocador lema, unha das revistas médicas máis prestixiosas do mundo científico, o British Medical Journal, iniciou unha serie de artigos moi críticos coa evolución da medicina actual. Artigos que suscitan con gran acerto, e desde distintos puntos de vista, o que opinamos moitos profesionais sanitarios: se non facemos autocrítica, podemos morrer de éxito. O perfecto estado de benestar que, segundo a OMS, é a saúde, non existe. A obsesión pola súa procura pode conducir ao fracaso da medicina pública por insostible.

Esta sociedade non acepta os límites impostos pola natureza e, talvez, os propios médicos – nesa procura do inalcanzable estado de perfección- temos potenciado o uso de métodos diagnósticos e curativos non sempre xustificados.

Os pediatras observámolo. Recórrese demasiadas veces á medicina, e consúltase demasiado axiña co pediatra, antes de buscar solucións a síntomas leves como as rabietas, antes de introducir a disciplina necesaria para unha axeitada alimentación contra a obesidade, os malos hábitos de soño ou o estrinximento. Pídese o imposible e inadecuado: que o fillo non estea triste cando se separan os proxenitores ou cando hai unha perda familiar, que se trate a un neno pola súa timidez… Existe unha excesiva ansiedade ante as pequenas imperfeccións como esa mancha ou “antollo” que se vai a quitar soa e sen tratar, a picadura de mosquito que molesta ou o carraspexar dun leve catarro. Poderiamos poñer mil exemplos de procura dun diagnóstico ou unha solución médica para problemas da vida normal.

En definitiva, pensamos que hai que recuperar a capacidade para manexar malos hábitos ou pequenos malestares da vida. Así, con sentido común, gañaremos en tranquilidade fronte á excesiva preocupación pola saúde.

Con todo, esta liña de pensamento crítica coa medicina, que busca receitar autonomía no canto de medicinas, empoderar os pais fronte á vida, reducir molestias e probas custosas (en todos os sentidos) e innecesarias, non sempre gusta. Para moitos pacientes o médico “pouco compracente”, que receita pouco, que pide poucas probas ou que non envía todo o que lle piden ao super-especialista, non é o mellor valorado.

Se cadra debemos entoar o mea culpa por transmitir a idea errónea dunha medicina arrogante con capacidade para remediar e previr case todo. É certo que as actividades chamadas de prevención primaria, secundaria e terciaria de eficacia probada, como as vacinas, as probas metabólicas que se realizan ao nacer ou o tratamento precoz da tuberculose, produciron un xiro espectacular en calidade e cantidade de vida no noso mundo, que oxalá se puidese trasladar aos países pobres.

Pero non podemos esquecernos de intentar previr os efectos negativos (chamados iatróxenos) da medicina, o que agora se chama “prevención cuaternaria”. Ao mesmo tempo, hai que ser consciente de que a nosa marabillosa medicina pública periga, non só pola mala xestión dos políticos senón, tamén, por un desbordamento e unha falta de contención onde todos estamos dalgún xeito implicados: a sociedade que converte a saúde nun ben de consumo máis; os pacientes, cada vez máis proclives a transformar o normal en patolóxico (como a tristeza en depresión), ou son intolerantes ante calquera malestar ( como o choro do lactante); os propios médicos que, coñecendo as limitacións da medicina, non sempre somos capaces de frear as utópicas expectativas de benestar das persoas; as administracións públicas, que ofrecen solucións a problemas que non sempre son médicos, ou dan información inadecuada ou alarmista; e, finalmente, a industria farmacéutica que, excesivamente orientada ao interese lucrativo, non só considera aos enfermos como lexítimo obxectivo senón tamén ás persoas sas como gran obxectivo mercantil. Nesta liña aparecen leites infantís modificadas ou enriquecidas que prometen curar os famosos cólicos do lactante, cremas que melloran as dermatites, probas rápidas que detectan alerxias aínda que non se teñan síntomas, ou noticias que colaboran a xerar conciencia de enfermidade fronte a algúns nenos e nenas que antes eran simplemente trastes.

Non se trata de non acudir ao pediatra ou aos servizos sanitarios. Só de concienciarnos e reflexionar entre todos sobre estes aspectos. Canto máis se estuda unha situación intrascendente, por exemplo, máis probabilidade hai de atopar un “incidentaloma”: esa pequena alteración que obriga ao pediatra a realizar estudos máis agresivos, molestos, dolorosos e caros. E aínda por riba, entrar nun trebón de estudos, non sempre permite asegurar a inexistencia de problema médico.

Quizais só se trata de ser conscientes, por unha banda, de que non existe o estado de perfecto benestar e, por outro, da incoherencia que supón que os nosos nenos e nenas estean moito máis sans que nunca, pero acudan moito máis que antes a servizos de urxencias e consultas. Algo está fallando, pero seguro que entre todos podemos melloralo.

Bibliografia

– Sánchez Perales F. Pediatra. Servicio de Pediatría. Hospital Infanta Elena. Valdemoro (Madrid). Uso y abuso de las urgencias. Famiped. Volumen 3. Nº 2. Junio 2010

– La responsabilidad de ser padres. Editorial. Famiped. 2009-2010

-Martínez González C. ¿Diagnósticos o etiquetas? Form Act Pediatr Aten Prim.2011; 4:214-16

 

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*