Durmir a sesta consolida a aprendizaxe dos bebés

bebe_dormidoOs bebés humanos pasan unha gran parte do seu tempo durmindo. O sono é fundamental para o desenvolvemento físico e mental do neno; con todo, pouco se sabe sobre as súas funcións específicas no primeiro ano de vida. Segundo un artigo publicado na revista Proceedings of National Academy of Science (PNAS), durmir a sesta é clave para fixar o que aprenden os bebés.

“O soño mellora a consolidación da memoria declarativa – encargada de evocar conscientemente datos e recordos – en nenos de entre seis e doce meses”, explica a Sinc Sabine Seehagen, investigadora en psicoloxía infantil e xuvenil da Universidade Ruhr de Bochum (Alemaña) e autora principal do estudo.

Os nenos participantes nos experimentos do equipo de investigación tiveron que repetir certas accións con títeres catro horas logo de telas aprendido por primeira vez. Aqueles que durmiron durante polo menos media hora nese intervalo obtiveron mellores resultados e, ademais, seguiron retendo a información 24 horas despois.

Segundo os investigadores, o soño impide que outros acontecementos interfiran na fixación do recordo, pero non só iso, “grazas ao soño ponse en marcha un importante proceso de fortalecemento da memoria”. Para iso, os bebés necesitan durmir relativamente axiña logo de aprender a información novidosa.

Mentres o neno dorme, codifícanse os recordos e transfírense do hipocampo “parte do cerebro implicada na memoria inmediata” ao neocórtex “área involucrada na memoria a longo prazo”. “É posible que no cerebro dos bebés, o hipocampo teña unha capacidade moi limitada e durmir sexa o seu modo de descargar información no neocórtex antes de esquecela”, engade a investigadora.

Beneficios para todos

Os investigadores aseguran que existe un efecto beneficioso global da sesta durante toda a vida. “Ademais de axudar á consolidación e fortalecemento da memoria, o soño serve para analizar os problemas e atopar novas solucións”, afirma Seehagen.

Durante estes descansos, os nenos tan pequenos raramente alcanzan a fase de soño profundo. Para os investigadores, unha futura liña de investigación sería pescudar se, do mesmo xeito que sucede cos adultos, o soño profundo está relacionado coa memoria dos bebés.

O estudo tampouco deixa claro se existen diferenzas entre descansar pola mañá ou pola tarde. Ademais, próximas investigacións terán que aclarar “se durmir só impacta sobre a capacidade da memoria nos bebés ou se tamén afecta ao xeito no que usan a información recollida”, conclúe Seehagen.

Referencia bibliográfica:

Sabine Seehagen et al. “Timely sleep facilitates declarative memoryconsolidation in infants” Proceedings of National Academy of Science (PNAS)

Fonte: Agencia SINC

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*