Elos – Revista de Literatura Infantil e Xuvenil e o Boletín Galego de Literatura abren prazo de aceptación de traballos

elosAs persoas responsables da edición das revistas científicas Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil e Boletín Galego de Literatura manteñen aberto o prazo de aceptación de traballos, que se revisarán por pares (sistema de dobre cego) e unha vez aceptados se publicarán con DOI individualizado sen agardar a que se complete o número. Para envialos debe accederse ao enlace web do portal dixital das revistas da USC ‘revUSC’ correspondente a cada publicación e rexistrarse na pestana ‘Autores’.

Elos

Elos, que lanzou o primeiro e único número en 2014, é unha publicación científica dixital de periodicidade anual editada polo grupo de investigación LITER21 da Facultade de Filoloxía co obxecto de fomentar un espazo de debate e reflexión arredor da Literatura Infantil e Xuvenil, un foro de análise crítica, de difusión da investigación e de visibilización deste sistema literario. Publica artigos, notas e recensións focalizados cara á historiografía, teoría literaria, análise de obras literarias, tradución, educación literaria e calquera aspecto relacionado coa literatura infantil e xuvenil escritos en castelán, galego, inglés ou portugués.

A publicación está apoiada pola USC, a Rede Temática de Investigación ‘As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano, o proxecto ‘Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil’ que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e ELOS-Galicia. Asociación de investigación en Literatura Infantil e Xuvenil.

Boletín Galego de Literatura

Pola súa banda, o Boletín Galego de Literatura é unha revista literaria semestral editada pola USC dende 1989 que acolle artigos de crítica e historiografía sobre calquera literatura do mundo e sobre teoría da literatura, crítica literaria, poética, retórica, hermenéutica ou semiótica.

A publicación acepta traballos escritos en galego, castelán, portugués, catalán, francés, italiano, inglés e alemán aínda que todos, excepto os portugueses e os que teñan por destino a sección ‘Documentos’, aparecerán en galego co permiso do/dos autor/es. En 2011 publicouse o seu último número en papel, o 46, e agora buscan traballos para o 47.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*