Descifrando por que autismo ou depresión afectan de forma desigual a homes e mulleres

Moitos trastornos neuropsiquiátricos afectan de xeito diferente a homes e mulleres / Imaxe: Olivia Raxter
Moitos trastornos neuropsiquiátricos afectan de xeito diferente a homes e mulleres / Imaxe: Olivia Raxter

O desenvolvemento cerebral prenatal é o período máis rápido de produción de neuronas no sistema nervioso central e cada vez máis a literatura científica apunta que moitos trastornos neuropsiquiátricos “como a esquizofrenia ou o autismo” teñen un considerable compoñente de desenvolvemento neurolóxico.

Un estudo publicado na revista Genome Research examinou os cambios na forma na que os xenes se regulan durante o desenvolvemento do cerebro humano. Entre os resultados, o equipo de investigadores atopou diferenzas entre os cerebros masculinos e femininos nun proceso chamado metilación do ADN (unha modificación química dunha das catro basees que compoñen o noso código xenético).

Segundo os autores, todos eles da Escola de Medicina da Universidade de Exeter e o Kings College de Londres (ambos no Reino Unido), estas diferenzas poderían contribuír ás variacións sexuais no comportamento, a función cerebral e a enfermidade.

O traballo céntrase nos “interruptores” moleculares que regulan a forma na que os xenes se activan sen cambiar o modelo de ADN subxacente. Estes procesos, coñecidos como epixenéticos, modulan como se desenvolven diferentes tipos de tecidos e células, e axudan a diferenciar as células do cerebro das doutras partes do corpo.

“O noso interese nas diferenzas sexuais débese en parte á existencia de desigualdades nas taxas de moitos trastornos psiquiátricos entre homes e mulleres. Por exemplo, o autismo é máis frecuente en homes, pero a depresión é máis común en mulleres”, explica a Sinc Jonathan Mill, autor principal da investigación.

Pola súa banda, Helen Spiers, primeira autora do estudo e investigadora no King College de Londres, subliña a importancia do achado: “Homes e mulleres mostran diferenzas na susceptibilidade a algunhas enfermidades neurolóxicas. Comprender as diferenzas sexuais no desenvolvemento do cerebro poden axudarnos a entender as orixes destas variacións”.

Plasticidade dramática do cerebro

Os investigadores mediron os patróns xenómicos da metilación do ADN en preto de 200 mostras, abarcando desde 23 ata 184 días logo da concepción. Así, atoparon cambios significativos na metilación do ADN a través do desenvolvemento do cerebro en máis dun 7% dos 400.000 sitios xenómicos avaliados.

“O período prenatal é un momento de gran plasticidade, cando o cerebro está colocando as estruturas que controlan a función neurobiolóxica. Se podemos entender os patróns “normais” de desenvolvemento do cerebro, proveranos información sobre as vías involucradas nestes trastornos”, conclúe Mill.

Referencia bibliográfica:

Helen Spiers et a o. “Genomic differences between developing male and female brains in the womb”. Genome Research, 3 de febreiro de 2015.

Fonte: Agencia SINC

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*