Manual para traballar na casa a aprendizaxe con nenos e nenas con autismo

libro_manuel_ojeaEscrito polo profesor Manuel Ojea a través da historia de vida de Nacho, un rapaz de 9 anos.

Se hai 25 anos os expertos identificaban un caso de trastorno do espectro autista (TEA) por cada 2500 nenos e nenas, na actualidade o nivel de incidencia é de un por cada 150, o que quere dicir que entre o 1 e o 3% da poboación padece autismo, síndrome de Asperger, trastorno desintegrativo infantil ou autismo atípico en calquera dos seus niveles de severidade. Un aumento que se produce pola “ampliación dos procesos de diagnose, da especificación da sintomatoloxía e do aumento da investigación científica” e que esixe unha maior concienciación e coñecemento de pais e profesionais. Para facilitar o día a día, o profesor da Universidade de Vigo Manuel Ojea acaba de publicar Autismo: relatos de vida, un programa de aprendizaxe creado a partir dunha situación real que pode servir de manual para que nas súas casas as familias con rapaces e rapazas con TEA poidan “favorecer o desenvolvemento de competencias básicas en accións cotiás, mellorar as habilidades adquiridas e facilitar a xeralización dos procesos aprendidos a outros contextos”.

O libro, publicado pola editorial Aljibe, recolle a historia de vida de Nacho, un rapaz de 9 anos con trastorno do espectro autista asociado á cromosomopatía Potocki-Lupski Syndrome (PLTS), que implica unha duplicación do cromosoma 17p11. A través dos relatos da súa vida diaria e coa imprescindible colaboración da súa familia, o investigador vai coñecendo a identificación e contraste dos significados que o neno pon en xogo nas súas accións cotiás, o que permite inducir un programa axustado ás súas necesidades específicas e facilitar o desenvolvemento persoal das súas habilidades na vida diaria, tanto a nivel individual como familiar e social.

Unha publicación que serve de base para xerar “programas funcionais adaptados ás persoas con TEA” e co que as familias, seguindo as instrucións, poden deseñar e adaptar pautas de aprendizaxe “ás características específicas das súas fillas e fillos”. “É un libro para coller e aplicar, moi útil para establecer unha estrutura de obxectivos a traballar con estes nenos e nenas. E ninguén mellor que as familias coñece as necesidades destes rapaces e rapazas”, salienta Ojea.

Só procesan parte da información

O libro está organizado en 50 actividades temporalizadas que recollen dende a primeira acción do día, levantarse, ata a última, deitarse. Tratábase de permitir a descrición e comprensión do seu comportamento global nas distintas accións da vida cotiá, tanto en relación co comportamento adaptativo como coa conduta comunicativa e a interacción social. As persoas con trastornos de espectro autista fan unha codificación da información diferente, recoñecendo “soamente estímulos parciais, polo que hai que dirixir todo o esforzo a que os detalles vaian conformando os diferentes estímulos para chegar a crear unha pegada semántica”.

A través de pictogramas e axendas visuais que facilitaran a aprendizaxe de Nacho, as actividades estruturábanse en realización da acción, comprensión conceptual da acción, comprensión social ou empatía, traspaso á axenda e repetición, facendo que “o rapaz automatizara a aprendizaxe e os actos da súa propia vida, converténdose nunha ferramenta moi importante tanto para o seu desenvolvemento como para o benestar da familia”.

Mecanismos estandarizados no colexio do neno

Un ano de traballo no que se ían sacando fotos da actividade medida e se establecía na axenda a nova aprendizaxe que deu como resultado un programa educativo específico coordinado coa familia e a partir do cal “poden establecerse plan específicos personalizados, introducindo os cambios de concepto ou de actividades necesarias, xa que non todos os afectados teñen as mesmas características ou o mesmo grao de severidade que Nacho”, recordou o profesor.

As actividades foron deseñadas de acordo cun proceso de aprendizaxe altamente mediado e aplicado en práctica real coa axuda da súa familia e os mecanismos de actuación xa están a ser estandarizados no centro escolar de Nacho e na asociación á que pertencen os seus pais. Agora, “as familias poden coller a estrutura e os procedementos e adaptalos ás necesidades dos seus fillos e fillas, aplicando pautas concretas para características concretas, con conceptos máis complexos ou avanzados”.

Autora: Noemí Rey / Universidade de Vigo

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*