Segunda edición do II Certame de Canción de Autor en Galego

certame_teoConvocado polo Concello de Teo para “quen teña algunha canción en galego que cantar”.

“Presta saber que aquí neste país aínda se pensa, crea, canta e conta e saber que hai quen aínda aposta por isto”, subliñou Alba María, gañadora da primeira edición, durante a presentación deste segundo ano para o certame. Alba María relatou que viviu o certame “con moita ilusión e con moita esperanza”. Como cantora e estudante de filoloxía galega valora moito que “alguén promova a música galega e en galego”. Ademais, indicou que o certame lle permitiu lanzar a súa carreira e comezar “dun xeito máis fácil” do que moitas artistas galegas tiveron.

Na presentación compareceron a concelleira de Cultura do Concello de Teo, Carme Hermida, o secretario xeral de Política Lingüística, o delegado para Santiago de Gadisa, Román Roo, Valentín García, o director artístico do evento, Xoán Curiel e a gañadora da primeira edición, Alba María. Coincidiron unanimemente na necesidade desta iniciativa e animaron a participar xa desde hoxe mesmo a “todos e todas aquelas que teñan algunha canción en galego que cantar”.

Un EP —xunto co deseño do mesmo—, concertos e promoción destes, así como un ano de cota de socio/a de Músicos ao Vivo son algún dos premios que poderá recibir a persoa gañadora desta segunda edición do Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’. Tamén haberá novidades nos accésits da gala final, entre outras. As bases poden consultarse na web www.concellodeteo.com

Ábrese a inscrición

Ata o vindeiro día 29 de marzo está aberto o prazo de inscrición para poder participar neste II Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’. Poderán participar as persoas que xa estiveron no certame o ano pasado, agás a gañadora, así como todas aquelas que o desexen e non teñan ningún material sonoro editado. As cancións deben ser inéditas e en galego. Xoán Curiel tamén apuntou que calquera estilo musical está permitido e “gustaríanos que chegasen moitos novos instrumentos”.

O xurado deste ano estará composto pola concelleira de Cultura do Concello de Teo, Carme Hermida, a prensa musical especializada estará representada na persoa de Juan Torreiro, mentres que Inés Portela representará as produtoras musicais galegas desde a súa empresa Mada Producións e como artista participará Najla Shami.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*