Inicio » Igualdade » Unha aula do Porriño gaña o Premio Narrativas Dixitais para a prevención da violencia de xénero

Unha aula do Porriño gaña o Premio Narrativas Dixitais para a prevención da violencia de xénero

“Reclama unha vida de amor, e non de dor”, di unha das micropoesías da clase de 6º do CEIP Antonio Palacios.

O xurado destacou o traballo e a calidade no resultado final e tamén “todo o proceso de reflexión que realizaron os alumnos e alumnas”, salientando ademais “o contexto pedagóxico, a creatividade, o contido que pon de relevo as mensaxes positivas e a posta en xogo de palabras que tocan o simbólico”. Así premiaban a proposta chegada desde o CEIP Antonio Palacios, por parte do alumnado de 6º e da súa mestra Miriam Leirós, ao certame de Narrativas Dixitais convocado pola rede PuntTIc co apoio do l’Institut Català de les Dones e o programa Telecentre Women da Fundació Telecentre.org.

A proposta levaba por título “Micropoesía para o 25N”. E na bitácora da aula podedes ver como foi o proceso de elaboración. Dende a lectura de exemplos de micropoesías ata a elaboración das súas propias creacións e a creación do mosaico en forma de vídeo que recolle o traballo.

O premio de Narrativas Dixitais para a Prevención da Violencia de Xénero convocouse no marco do pasado Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, e naceu co obxectivo de fomentar o intercambio de ideas, opinións e reflexións para a prevención da violencia machista e que contribúan ao reto da construción dunha sociedade libre desta lacra social. O certame tamén fomenta o uso das novas tecnoloxías para a difusión destas ideas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*