Inicio » Actualidade » Volve o Proxecto Tangram para fomentar a concienciación sobre a violencia machista e a discapacidade

Volve o Proxecto Tangram para fomentar a concienciación sobre a violencia machista e a discapacidade

Un dos proxectos da anterior edición foi seleccionado para os premios internacionais da Design For All Foundation.

tangramPromover proxectos interdisciplinares, nos que traballe conxuntamente o alumnado das diferentes titulacións do campus e que permitan poñer os seus coñecementos ao servizo da cidadanía, é a base de Tangram, o programa sociocultural que a Vicerreitoría do campus da Universidade de Vigo promove por segundo ano consecutivo coa colaboración do Concello de Pontevedra. O desenvolvemento de diferentes accións que contribúan á sensibilización respecto da violencia machista, a elaboración dunha curtametraxe centrada nos problemas das persoas con discapacidade e a elaboración dun “folleto turístico” que reúna a visión do alumnado sobre a cidade centrarán neste 2015 unha iniciativa que permite a comunidade universitaria e cidadanía “colaborar e enriquecerse mutuamente”, como destacou o vicerreitor do campus. Juan Manuel Corbacho destacou tamén o novidoso das propostas coas que se dá continuidade “a unha iniciativa que está a resultar moi fructífera”, como demostra a selección dun proxectos realizados na anterior edición, Urb@nc, para os premios internacionais que outorga a Design For All Foundation.

Acompañado polas concelleiras de Cultura, Anxos Riveiro, e Benestar Social, Carmen Fouces, e das responsables de Portal 48, Rocio Gómez-Juncal e Ana Seoane, Corbacho presentou este luns na Casa das Campás os proxectos “de carácter transversal” que integran a segunda edición deste programa e que permiten á institución académica non só “estar implicada coa cidade, senón estar presente nela”, como salientou Corbacho. O vicerreitor destacou así mesmo como, na súa segunda edición, Tangram 2015 busca darlle un especial protagonismo á creatividade, no marco do proxecto de especialización Crea do campus pontevedrés.

Múltiples accións para espertar conciencias

Fomentar entre a mocidade o valor da “sensibilización e da prevención da violencia” é, como destacou Fouces, o eixo central de De bruxas e bolboretas, un dos tres proxectos incluídos neste programa e que ten por obxecto promover que grupos de estudantes de diferentes titulacións deseñen unha serie de accións de concienciación e sensibilización, que se visibilizarán na semana previa ao Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, o 25 de novembro. O deseño de accións de educación non formal, de intervencións artísticas na rúa, de exposicións ou de encontros para o debate son algunhas das propostas que se pretenden levar a cabo a través dos grupos de traballo que reunirán a estudantes de Enfermería, Fisioterapia, Publicidade e Relacións Públicas, Belas Artes ou Educación Infantil e Primaria.

O audiovisual como ferramenta para a educación

Promover a integración das persoas que padecen algún tipo de discapacidade a través dunha curtametraxe é o propósito principal de Cine con con(s)ciencia, un proxecto que buscará a implicación de diferentes asociacións da localidade. “Trataremos de involucrar aos colectivos sociais para facer unha curta coa que consigamos ver a realidade das persoas con discapacidade desde diferentes ópticas”, salientou Riveiro dun proxecto no que se busca implicar aos estudantes das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación, Belas Artes e Ciencias da Educación e do Deporte.

Un folleto turístico que non é un folleto turístico

Tangram 2015 complétase con Prismas da cidade, unha iniciativa para a que se recompilarán “visións moi diferentes” de Pontevedra, nunha “especie de folleto turístico que non será estritamente un folleto turístico”, segundo apuntou a concelleira de Cultura. Co propósito de dar forma a unha “pequena publicación” que se distribuirá entre a mocidade durante o verán, nesta iniciativa buscarase reunir “visións persoais e vivenciais” ligadas ás diferentes titulacións do campus, de tal xeito que o que finalmente se reflicta na publicación “sexa como ve Pontevedra un deportista, un fisioterapeuta ou alguén vinculado á comunicación”, relatou Riveiro.

Candidatos a un premio internacional

Estes tres novos proxectos “totalmente diferentes”, dan continuidade a unha iniciativa que na súa anterior edición foi “moi ben acollida por toda a cidadanía” e que, como salientou Carmen Fouces, “continúa a dar moitas alegrías” aos seus promotores. A máis recente, a selección de Urb@nc, o proxecto gañador do programa Apostando polo deseño para tod@s, para os premios ás boas prácticas que outorga a Design For All Foundation. Segundo relatou Gómez-Juncal, a candidatura presentada a estes premios, que recompilaba todas fases dunha iniciativa centrada en promover o deseño de mobiliario urbano seguindo os principios do deseño para todos, foi unha das 44 seleccionadas por este organismo das presentadas desde múltiples partes do mundo. Agora, a un xurado composto por expertos de diferentes países corresponderalle decidir, nun foro que se celebrará en marzo en París, cales serán as cinco iniciativas merecedoras dos premios ás boas prácticas da Design For All Foundation.

Constrúe en verde encara a súa recta final

Xunto á Apostando polo deseño para tod@s e ao Banco-Escola Universidade-Cidadanía, a primeira edición de Tangram completábase cunha iniciativa que “aínda non rematou”, como lembrou Riveiro. Trátase de Constrúe en verde, un proxecto que buscaba que o alumnado colaborase coa cidadanía do barrio da Parda no deseño dunha caseta que atendese ás necesidades previamente definidas polos veciños e veciñas. Trátase de O Lecer, un espazo que nestes intres se “atopa en fase de construción, que xa está moi avanzada” e que se leva a cabo no CIFP A Xunqueira, segundo relatou a concelleira.

Autor: Eduardo Muñiz / Universidad de Vigo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*