Identifican a área do cerebro que ‘acende’ cando o profesor corrixe

aula_2A parte que se activa cando se identifican os erros nas tarefas que cometen os demais.

Investigadores británicos identificaron que a zona do cerebro coñecida como ‘cortex do cíngulo anterior’ actívase cando se observa que outra persoa non comprende algunha tarefa. O descubrimento pode axudar a comprender mellor como os profesores analizan os erros dos seus alumnos, ademais de mellorar os sistemas de ensino e aprendizaxe no futuro.

Unha parte importante da aprendizaxe humana vén da man dos profesores. Moitas persoas gardan na súa memoria aquel mestre particular que segue presente na forma de ver o mundo ou á hora de utilizar as ferramentas cotiás. Neste marco, os científicos estudaron exhaustivamente como aprenden as persoas, pero pouco se sabe sobre o funcionamento do cerebro de quen ensina.

Agora, un estudo realizado por investigadores do departamento de Psicoloxía no Royal Holloway da Universidade de Londres (Reino Unido) identificou a parte do cerebro que se activa cando se identifican os erros nas tarefas que cometen os demais. Os autores consideran que este descubrimento pode axudar a atopar ferramentas que axuden a optimizar o ensino entre profesores e alumnos.

“O córtex do cíngulo anterior parece desempeñar un papel importante mp cerebro dunha persoa que instrúe a outra. Esta rexión cerebral está involucrada en como as persoas entenden a aprendizaxe e a toma de decisións dos demais. Isto dános pistas sobre as bases biolóxicas dos comportamentos asociados ao ensino e como o cerebro traballa cando interactuamos con outras persoas”, explica a Sinc Matthew Apps, investigador da universidade británica e autor principal do artigo.

O traballo, publicado na revista Journal of Neuroscience, consistiu nunha actividade realizada por voluntarios que desempeñaban os papeis de profesores e alumnado. Mentres os alumnos xogaban nun ordenador, os profesores, que estaban conectados a un escáner de imaxe computarizada, indicaban que decisións eran correctas e cales non.

De acordo cos resultados, a imaxe cerebral revelou que o córtex anterior cingulado sinalaba se os estudantes tomaban decisións incorrectas mentres xogaban. “Este descubrimento mostra unha parte importante do proceso polo que o profesor entende a aprendizaxe do seu alumno, e isto é parte vital do ensino”, asegura o investigador.

Investigacións futuras

Segundo Apps, o maior problema desta investigación é que non se traballou con verdadeiros profesores. O científico recoñece que aínda están lonxe de proporcionar ferramentas útiles que axuden a curto prazo a mellorar o proceso de ensino, pero considera que a súa achega é “moi simple pero útil para investigacións futuras que axuden a entender que pasa no cerebro cando unhas persoas ensinan a outras”.

“Desafortunadamente, o coñecemento actual acerca dos procesos que axudan ás persoas a ensinar a outras é moi limitado. Ata que aprendamos máis sobre os procesos básicos que subxacen aos comportamentos asociados co ensino, non seremos capaces de ofrecer axuda ou trucos aos profesores”, conclúe Apps.

Os investigadores tamén descubriron outras rexións do lóbulo central do cerebro que desempeñan un papel importante cando os profesores pensan acerca das predicións dos seus alumnos, ou simplemente mentres monitorizan se as súas respostas son correctas ou non.

Referencia bibliográfica:

Mathew Apps et al. “Vicarious reinforcement learning signals when instructing others”. Journal of Neuroscience 17 de febrero de 2015.

Fonte: Axencia SINC

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*