A Universidade de Vigo publica ‘Sexualidade e saúde: proposta didáctica’

maria_lameiras
María Lameiras é unha das autoras do libro, xunto a Yolanda Rodríguez, María Victoria Carrera e Patricia Alonso

María Lameiras, Yolanda Castaño, María Victoria Carrera e Patricia Alonso asinan este libro, o último dunha triloxía que recolle 20 anos de traballo neste eido.

“Levamos máis dun século estudando a sexualidade, pero aínda comezamos agora a desprendela de todos os condicionantes morais, relixiosos e patriarcais para facer unha lectura máis crítica e obxectiva dentro do que é posible”. E para contribuír á formación da dimensión sexuada do alumnado “dende unha perspectiva integradora e sociolóxica, psicolóxica e biolóxica”, a investigadora do campus de Ourense María Lameiras vén de publicar xunto a Yolanda Castaño, María Victoria Carrera e Patricia Alonso o libro Sexualidade e saúde: proposta didáctica, no que recollen “o traballo feito nos últimos 20 anos neste eido” a través dun compendio das reflexións e da documentación recadadas ao longo de todo este tempo.

Este manual, que nace como complemento didáctico de ‘Sexualidade e saúde: o estudo da sexualidade humana dende unha perspectiva de xénero’, está dirixido ao alumnado de Educación Social aínda que tamén pode ser “enriquecedor” para persoas alleas á investigación pero vinculados dalgún xeito a este ámbito, como docentes ou persoal sanitario. Trátase do último libro dunha triloxía formada tamén por Programa coeducativo de desenvolvemento psicoafectivo e sexual (2004) e Educación sexual: da teoría á práctica (2009) e que, xunto a moitos outros traballos do grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo, compón un material divulgativo moi útil no eido da educación sexual.

Se no primeiro volume abordábase como facer un programa de educación sexual que podería aplicarse tanto a estudantes de primaria e secundaria como a adultos, no segundo as investigadoras fan un repaso sobre a lexislación e no terceiro unha reflexión teórica sobre o que é a sexualidade. “Aínda que pareza que empezamos a casa polo tellado, fixemos un traballo práctico de investigación mentres se aplicaba o programa, vendo se resultaba ou non. Logo creamos o material que criamos que o completaba para darlle uns coñecementos teóricos a aqueles docentes encargados de facer educación sexual e, por último, realizamos unha reflexión en profundidade do que é a sexualidade”, salienta María Lameiras.

Noción errónea do que é a sexualidade
Dividido en tres partes, o libro trata de dar unha visión correcta do que é a sexualidade, moitas veces afastada da “noción que habitualmente ten a xente”. No primeiro capítulo as investigadoras fan un percorrido histórico polo que é a sexualidade porque “é como coñecer a biografía dunha persoa: para saber quen son teño que saber de onde veño”. A segunda parte da publicación está dedicada á identidade, a que significa ser un ser asexuado ou entrar nun modelo dicotómico de home e muller. “Incorporamos a idea dun modelo de sexualidade moito máis flexible e amplo, onde caben outras identidades que consideramos lexítimas. Calquera persoa ten dereito a definirse, a que a súa identidade non estea preestablecida e a non encaixar nun modelo, senón a construír a través da súa propia biografía a identidade na que se sinta realmente máis a gusto fóra do binarismo home e muller”, asegura.

Xa na terceira parte do volume as autoras abordan a conduta e a saúde sexual, dende os praceres e funcións ata os perigos, a violencia sexual ou os embarazos non desexados. Para as investigadoras a saúde sexual “non é soamente estar exento de enfermidades, é gozar da sexualidade e estar a gusto coa nosa identidade, lonxe do autorrexeitamento que moitas veces vemos en nós mesmos”. O libro remata cunha “inconclusión”, poñendo máis preguntas sobre a mesa e deixando ver ao lector que esta é “unha historia inacabada porque a sexualidade, como as estradas, están en constante construción”. Iso implica, segundo conta María Lameiras, que “conceptos que hai anos considerábanse acaídos hoxe póñense en cuestión, porque non existe unha liña clara do que vale e do que non, senón que tempos unha traxectoria que se vai movendo e coa que imos reconstruíndo a identidade e a conduta sexual”.

Perspectiva de xénero
Todo o estudio que está detrás desta publicación foi realizado dende unha perspectiva de xénero, xa que as autoras entenden que “non hai nada en xeral que poida abordarse sen ela, porque esa realidade é a que empuxa aos marxes a todas as persoas non só que non encaixan no patrón de home ou muller, senón tamén que non se axustan ao modelo de heterosexualidade”. Para afondar na formación das xeracións do futuro, as investigadoras concibiron este manual como un recurso educativo que facilite a adquisición de contidos e contribúa á formación integral da dimensión sexual do alumnado. Un interesante recurso para poñer en práctica unha experiencia de educación sexual integradora, vertebrada sobre unha concepción de educación como proceso de humanización e da sexualidade como dimensión fundamental da persoa.

“Estamos no bo camiño, pero aínda queda moito que evolucionar. Sobre todo porque os pasos adiante non sempre serven para mellorar, xa que lamentablemente nos últimos tempos estamos a retroceder”, recoñece Lameiras, quen salienta que “coa escusa da crise” freáronse moitos dos avances acadados. “Hai que ser activistas e ser conscientes de que se trata dunha loita pacífica, xustificada e ética para conseguir que os seres humanos sexan cada vez máis libres e teñan un maior control sobre a súa propia vida e identidade. E para iso temos que descolonizar a sexualidade de toda moralidade relixiosa, e iso é difícil”, conclúe.
Fonte: Universidade de Vigo / Noemí Rey

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*