25 gramos: necesario controlar a venda e publicidade do “azucre”

azucar_campanha_vsfA publicidade descontrolada froito da influencia e presión do lobbie azucareiro condiciona os hábitos das familias.

O sobrepeso e a obesidade son novas enfermidade do século XXI. A día de hoxe, o sobrepeso no estado español afecta ao 63% dos homes e ao 45% das mulleres e a obesidade ao 19 e 16% respectivamente. Estas cifras resultan especialmente preocupantes no caso dos nenos e as nenas, pois o estado español sitúase á cabeza do sobrepeso infantil en Europa, e é colíder mundial xunto aos EUA.

Un dos sospeitosos habituais da mala alimentación é o azucre. Ten algo que ver o incremento do consumo de azucre co incremento da obesidade? Existen numerosos indicadores que apuntan a esta afirmación. O español medio come 4 veces máis da cantidade de azucre que a OMS recomenda ao día. Non pensemos que é fácil levar o control, o 75% do azucre que inxerimos non o vemos, é invisible, trátase de azucre engadido nos alimentos procesados.

Desde a campaña ’25 gramos’, promovida por Veterinarios sen Fronteiras, esíxese que se inclúan medidas impositivas sobre os alimentos malsans que permitan desincentivar o seu consumo, así como estudar a posibilidade de redución de impostos sobre as opcións alimentarias saudables. 25 gramos é xustamente a cantidade de azucre engadido que deberíamos consumir nun día, segundo a Organización Mundial da Saúde, e tal e como sinalamos, actualmente tomamos catro veces esa cantidade.

Tamén, e en loita contra a obesidade infantil, especialmente preocupante no estado español, a campaña esixe que se garanta que nos centros educativos existan opcións saudables de alimentación, e que exista un control efectivo da publicidade e distribución da alimentación malsá en todas as súas formas.

O lobby do azucre

Hoxe en día consúmense aproximadamente 165 millóns de toneladas de azucre, ao ano é dicir 23 kg anuais per cápita. O azucre é un mercado multimillonario, exactamente supón 47.000 millóns de dólares ao ano.

A industria azucareira é un dos lobbies máis potentes a nivel agroalimentario. Despregan un amplo abano de estratexias e ferramentas que conflúen en tres obxectivos principais:

1. Conseguir o aval científico e o aval das administracións públicas, aos seus discursos, as súas propostas e os seus produtos.

2. Bloquear as propostas que inciden nas causas reais da mala alimentación e substituílas por outras propias que actúan como pantalla de protección.

3. Unir a súa imaxe á saúde, emitir a mensaxe de que son un actor que fai moitos esforzos para conseguir unha alimentación sa.

Publicidade descontrolada

“Desde a idade de 10 anos un neno aprendeu de memoria de 300 a 400 marcas”.

Calcúlase que o 20% da publicidade emitida ao longo do día é de comida ou bebida e concéntrase nas horas en que os máis pequenos están sentados diante do televisor. O bombardeo de anuncios de caramelos, bolos industriais, bebidas de todo tipo, chocolate e comida rápida aumenta de forma significativa en horario infantil. Os nenos ven unha media de 34 anuncios ao cabo do día e máis de 19.000 anuncios ao ano.

“Os menores españois de entre 3 e 12 anos son os segundos que máis tempo pasan fronte á televisión en toda Europa”

A Organización Mundial da Saúde (OMS) intentou facer soar a alarma no seu informe Marketing de alimentos ricos en graxas, sal e azucres para os nenos, no que chama claramente a limitar a venda e publicidade de alimentos que propicien a obesidade infantil e xa lles esixiu aos Gobernos que tomen cartas no asunto.

“4 de cada 5 alimentos que se publicitan nos espazos infantís, son de comida malsá”.

Etiquetado incomprensible

A etiqueta nun produto é a ferramenta comunicativa principal que conecta ao consumidor e ao produtor. É un dos elementos co que conta o consumidor para elixir a súa compra, xa que logo, está estudada ao detalle pola industria, que despregou varias estratexias para lograr un sistema de etiquetado pouco rigorosos, e menos claro.

As etiquetaxes nutricionais dos produtos alimentarios que atopamos nos andeis do noso supermercado están baseadas nun sistema de etiquetado deseñado pola industria, o cal logrou instalarse en todos os envases que forman parte da nosa alimentación diaria, e a campaña advirte de serias dúbidas sobre a súa eficacia e transparencia.

Xustiza Alimentaria Global

Veterinarios Sen Fronteiras, asociación que funciona agora baixo a marca Xustiza Alimentaria Global, é un colectivo que defende a necesidade de cambiar o sistema agroalimentario actual, “que oprime e expulsa ás comunidades rurais, e destrúe o medio ambiente”. Sosteñen que este cambio “pasa pola consecución da Soberanía Alimentaria”.

Máis información sobre VSF
http://vsf.org.es/

A web da campaña 25 gramos
http://vsf.org.es/25-gramos

 

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*