A mellor actitude de nais e pais: ler con eles, interesarse por como lles vai, confiar neles

Flickr: Woodley Wonderworks
Flickr: Woodley Wonderworks

Unha investigación indica que axudarlles cos deberes podería ser contraproducente e só o recomendan no caso de dificultades educativas.

Cando os proxenitores teñen altas expectativas académicas dos seus fillos, cando lles animan a ler e lles preguntan como levan as clases e os deberes, conseguen que o seu rendemento académico mellore. Así o revela un estudo no que participan investigadores da Universidad Internacional de la Rioja (UNIR), a Universidad Complutense de Madrid, a UNED e a Universidad del País Vasco.

O traballo analiza 37 investigacións publicadas entre 2000 e 2013 nas que se tratou a relación entre a participación parental na educación e variables relacionadas co rendemento académico dos alumnos. En total, a cifra de pais, nais e estudantes superou as 80.000 persoas. Os menores cursaban educación infantil, primaria e secundaria.

“Observamos como algunhas formas de participación dos pais resultan máis efectivas que outras”, explica Enrique Navarro, un dos autores do estudo e investigador do grupo Neuropsicología Aplicada a la Educación (NyE), acreditado polo vicerrectorado de Investigación e Tecnoloxía (UNIR Research).

Axudarlles a facer os deberes é unha cuestión controvertida. O traballo revela que un maior apoio nas tarefas escolares non implica que os nenos saquen mellores notas. “Son os estudantes con maiores dificultades educativas os que necesitan deste reforzo por parte dos seus pais, pero non os demais”, matiza o investigador de UNIR.

Compensar as rendas baixas

As variables analizadas foron a participación xeral dos pais nas tarefas relacionadas cos seus fillos, a comunicación con eles respecto de cuestións escolares, a supervisión dos deberes, as súas expectativas cara aos menores, se lían con eles, se participaban nas actividades escolares e, para rematar, a súa actitude.

Para medir o rendemento académico tivéronse en conta, tanto as cualificacións xerais dos alumnos, como as relativas a matemáticas, comprensión lectora, ciencias, ciencias sociais, idiomas estranxeiros e outras materias como arte ou música.

O estudo tamén analizou o peso do nivel de ingresos das familias e confirma que as rendas baixas relaciónanse negativamente co rendemento escolar dos menores. Con todo, o papel dos proxenitores pode darlle a volta á situación. “A participación familiar pode chegar a paliar as diferenzas debidas a ese estatus socioeconómico”, asegura Navarro.

A investigación, publicada na revista Educational Research Review, conclúe que a implicación dos pais cobra maior importancia cando os fillos se atopan nos últimos cursos da educación obrigatoria e non mostra diferenzas en canto á nacionalidade das familias.

Referencia bibliográfica:

María Castro, Eva Expósito-Casas, Esther López-Martín, Luis Lizasoain, Enrique Navarro y José Luis Gaviria. “Parental involvement on student academic achievement: a meta-analysis”, Educational Research Review, febrero 2015. DOI: 10.1016/j.edurev.2015.01.002.

FONTE: UNIR / SINC

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*