A campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor” chega en abril a 4.500 escolares de 45 centros educativos

reciclate_con_sogamaA iniciativa alcanza desde outubro a máis de 21.600 estudantes de 225 centros.

A campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor” continúa coas súas actividades educativas en centros escolares, tanto de primaria como de secundaria, prevendo atender este mes de abril a preto de 4.500 alumnos de 46 colexios. Sumados aos formados desde outubro de 2014, estariamos a falar de máis de 21.600 estudantes de 225 centros.

Equipos de educadores medioambientais véñense desprazando polas escolas co obxectivo de instruír a pequenos e mozos na correcta xestión dos residuos urbanos. Como non podía ser doutra forma, o seu discurso xira de forma permanente en torno ao principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), proporcionando á comunidade educativa as claves para producir menos desperdicios, para aproveitar ao máximo os produtos e para colaborar activamente no sistema de recollida selectiva, depositando cada fracción nos correspondentes contedores: amarelo, para os envases de plástico, as latas e os briks; azul, para os de cartón e papel; iglú verde, para os envases de vidro; contedor específico para pilas; e verde convencional, para a fracción resto, que Sogama transforma en enerxía eléctrica.

As charlas informativas proporcionadas polos monitores adáptanse en todo momento ao nivel académico dos estudantes e tramo de idade, facilitando con isto a axeitada comprensión, e posterior interiorización, dos distintos conceptos a transmitir.

O obxectivo último é que, máis aló da súa formación individual na materia, pequenos e mozos poidan levar a cabo unha tarefa pedagóxica na súa contorna social máis inmediata, erixíndose nos verdadeiros embaixadores das boas prácticas ambientais.

Vantaxes para os centros adscritos a ‘Recíclate con Sogama’

No caso dos preto de 50 centros adscritos nos últimos tres anos ao programa “Recíclate con Sogama”, e que se inclúe no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, a súa preparación e bagaxe para participar na reciclaxe é total, toda vez que, ademais de ser instruídos na materia, contan coas denominadas illas escolares, que lles permiten executar o apreso nas aulas. Cada illa está conformada por tres contedores diferenciados de 120 litros de capacidade (amarelo, azul e verde xenérico).

Ademais, Sogama dotounos no seu momento con lotes de bolsas reutilizables de cores, con capacidade para 20 litros cada unha, a fin de facer máis cómoda a segregación de refugallos nas propias aulas e lugares estratéxicos dos recintos.

Os educadores tamén se deterán en explicar o alcance da compostaxe doméstica, xa que algúns centros contan con composteiro para a fabricación de abono natural a partir da materia orgánica xerada nos comedores escolares e que logo utilizan como acondicionador de solos nas súas hortas e xardíns, en substitución dos fertilizantes artificiais.

“Separemos ben, reciclaremos mellor” é unha iniciativa promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama, que conta co apoio de Ecoembes, Ecovidrio e os sistemas integrados de xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP). Operativa desde o 2012, este ano alcanza a súa terceira edición.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*