XXIX Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz

encontros pazOrganizado por Nova Escola Galega. En Chantada, 24, 25 e 26 de abril.

“Desde o grupo de traballo de NEG “Educadoras e Educadores pola Paz” consideramos prioritario dedicar o Encontro deste ano ao tema chave da “Convivencia e Benestar para o Século XXI: Experiencias e Recursos”, pois non cabe dúbida que a convivencia nun mundo cada vez máis interconectado implica non só desafíos considerábeis —tales como o continuado derribo neoliberal dos Estados de Benestar e das súas proteccións contra as desigualdades económicas, lingüísticas e sociais en xeral, ou as acepcións da “convivencia” que a asemellan á disciplina e o castigo— senón tamén, iso si, formas positivas de enriquecemento cultural transfronteirizo.

Esta complexa realidade actual brinda valiosas oportunidades para repensarmos as alternativas da vida en común e o poder transformador das accións educadoras comprometidas cun mundo máis xusto, igualitario, sustentábel, harmónico e pacífico.

Neste Encontro afondaremos en innovadoras perspectivas, ferramentas e dinámicas educativas dirixidas á consecución dun benestar común óptimo, libre das múltiples expresións da violencia. Entre outras temáticas, abordaremos: a titoría entre iguais, planos de convivencia escolar, o fomento de redes locais de resposta social de base, a colaboración intersectorial, o sociodrama, as prácticas restaurativas, a música, a danza e a creación artística e literaria.

Vós tamén podedes aportar ideas e experiencias (consultade o programa). Outro mundo é posíbel; comeza coa nosa firme decisión conxunta de promover unha Cultura de Paz transversal. Vémonos en Chantada!”

Fonte: Nova Escola Galega

Máis información
http://www.nova-escola-galega.org/WebDefault.aspx?MenuInd=1&MenuId=354&Lng=gl-ES&tl=0

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*