Como ensinar a aprender: curso sobre aprendizaxe autorregulada

manuel_caeiroDotar ao alumnado da capacidade para ampliar os seus coñecementos dunha forma autónoma, máis aló das clases, é considerado un piares do Espazo Europeo de Educación Superior. Mais, para que o alumnado adquira as competencias precisas para desenvolver esa “aprendizaxe autorregulada” é crucial o labor do persoal docente, “que debemos preocuparnos por promover esas estratexias dentro das nosas materias”, como sinala o profesor da ETSE de Telecomunicación Manuel Caeiro. Dotar ao PDI do campus de diferentes ferramentas para “aprender a aprender” e lograr así “un alumnado responsable da súa propia aprendizaxe” é precisamente o obxectivo central do curso para profesorado que Caeiro impartirá entre o 4 e o 18 de maio na Facultade de Fisioterapia.

Impulsado pola Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado e integrado no proxecto de innovación educativa Implantación de estratexias de autorregulación da aprendizaxe coa axuda das TIC, o curso que o vindeiro mes se impartirá por primeira vez no campus de Pontevedra, despois de celebrarse en xaneiro no de Vigo, trata precisamente de poñer en valor como os docentes “podemos contribuír ou non a desenvolver esas competencias entre os nosos alumnos”, como sinala o seu responsable. Non en van, ao seu xuízo, o labor do profesorado “non debe limitarse a ensinar, senón a tratar de que os alumnos aprendan de verdade”.

Aprender con autonomía

Este cambio non pasa por “que o profesor lles diga que é o que teñen que aprender”, senón por promover que os estudantes poidan formarse cunha maior autonomía. Nese senso, a aprendizaxe autorregulada abrangue “toda unha serie de teorías e estratexias” dirixidas a fomentar entre o alumnado o desenvolvemento destas capacidades, que “en xeral, xa teñen moitos dos nosos estudantes, en especial aqueles que teñen bos resultados”. Mais existe tamén o caso contrario, como apunta Caeiro, o de aqueles e aquelas que “non se senten responsables do seu éxito ou fracaso”. Non en van, antes de fomentar a súa comprensión lectora ou a súa capacidade para fixarse uns determinados obxectivos desde o primeiro día de clase, o primeiro do que se debe dotar ao alumnado é desa idea de que “eles son os responsables da súa aprendizaxe”.

De aí que no marco deste curso de 20 horas de duración se pretenda achegar ao PDI unha serie de ferramentas para abordar tanto a resolución de problemas ou o traballo en grupo, como para incentivar e motivar aos estudantes. Non en van, “o importante destas estratexias é asumilas no seu conxunto”, segundo destaca Caeiro, que incide en que, máis aló das propostas pedagóxicas para fomentar este tipo de aprendizaxe “desde o primeiro día de clase”, existe tamén no fomento da aprendizaxe autorregulada “unha compoñente psicolóxica importante”. De aí que promover a motivación e a autoestima entre os estudantes sexa paso previo a ensinarlles a fixarse obxectivos ou planificar o seu estudo, aspectos que serán abordaos nestes curso, ao igual que os métodos dos que dispón o profesorado para avaliar este proceso.

O valor das TIC

Como noutros moitos ámbitos do ensino, neste labor de “aprender a aprender” as TIC poden resultar un valioso aliado para o profesorado e como tal, resultan outro dos eixos desta actividade. As novas tecnoloxías da comunicación poden axudar a que, por exemplo, “os estudantes respondan dunha forma menos condicionada polo que poidan pensar os seus compañeiros a unha pregunta do docente”, contribuír a que compartan reflexións ou á creación de mapas conceptuais que lles axuden na súa aprendizaxe. “Todas estas facilidades non son imprescindibles, pero si que facilitan este desenvolvemento dunha forma moi considerable”, destaca Caeiro, que neste curso tentará de amosar ao profesorado como “valorar e integrar” na docencia estas novas ferramentas, “que deben estar da man da pedagoxía”.

Fonte: Universidade de Vigo / Eduardo Muñiz

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*