Rebulir robótico na Escola de Enxeñería Industrial

Delia, Elsa e Santi do IES A Sangriña da Garda acompañados polo docente Antonio Lomba
Delia, Elsa e Santi do IES A Sangriña da Garda acompañados polo docente Antonio Lomba / Imaxe: Uvigo

De múltiples formas e cores, cada un coa súa propia personalidade, pero todos repletos de creatividade: con forma de barco, de furgoneta ou mesmo de oasis en pleno deserto. Falamos dos 110 autómatas que este venres participaron na I Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial, unha iniciativa posta en marcha pola dirección do centro en colaboración coa Rama de Estudantes do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers) da Universidade e na que participaron máis de 500 alumnos e alumnas de 37 centros educativos de ensino secundario de toda Galicia.

O chamamento, dirixido a fomentar o interese polos estudos de enxeñaría entre os máis novos, superou todas as expectativas da organización. “A idea de pór en marcha unha competición pareceunos extraordinaria pero nunca pensamos que ía espertar tanta expectación”, subliñou Juan Pou, director da escola, que se confesou “impresionado” da elevada creatividade que tiñan algúns dos modelos participantes. “Está claro que cando aos rapaces algo lles gusta implícanse a fondo e, tanto polo que vemos, como polo que puidemos palpar falando con eles e cos seus docentes, nesta ocasión estaban moi motivados”, subliñou Pou, que quixo pór en valor todo o traballo realizado polos distintos equipos, “tamén nos recreos e levando traballo para a casa”.

Presumindo de robots

Cada un dos equipos participantes, de cinco alumnos cada un, chegou á escola lucindo robot. “Fómolo creando pouco a pouco a partir dun kit básico que che proporcionaba a organización ao inscribirte”, explica Delia Alfonso, alumna de 3º da ESO do IES A Sangriña da Garda, e creadora “xunto aos meus compañeiros Néstor, Santi e Elsa” de TecnoSang, un particular robot con forma de furgoneta. “Queriamos que o noso robot non se parecese a ningún outro e ocorréusenos construírlle unha carcasa imitando unha furgoneta”, subliñou a alumna, ao tempo que explicou que montalo non foi difícil pero si calibrar os motores ou “un detalle tan pequeno como instalarlle a roda traseira”.

Desde o IES Terra de Turonio de Gondomar Alma, Natalia e Roi, alumnos de 2º da ESO construíron a Tropicali, un colorido robot co que traer un pouco de sol ao campus nun día especialmente chuvioso. “Crealo foi moi divertido, non nos resultou especialmente difícil, iso si, o máis complicado foi pórlle as roscas e programalo”, explicou Alma, que coñeceu esta iniciativa no posto da escola no Salón Edugal, celebrado en Pontevedra o pasado mes de febreiro. Ela foi a que se encargou de convencer á súa docente de Matemáticas para que os titorizase. “Para min esta petición foi toda unha sorpresa e, cunha iniciativa así, como ía dicirlles que non”, explicou a docente, que seguiu de preto toda a competición “animándoos moito e axudándolles no que podo”.

Premios aos máis eficaces e aos máis orixinais

A competición iniciouse a media mañá coa realización de diferentes probas. Primeiro un rastrexo individual no que cada robot tiña que seguir un percorrido marcado no chan con cinta adhesiva. “Tivemos que dar unha volta completa ao circuíto o máis rápido posible”, explicaba César Pascual, do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, “fachendoso” porque o seu autómata foi o primeiro en chegar a liña de meta. “Cando montamos o kit o que fixemos foi modificar a posición dos sensores porque despois de diferentes probas comprobamos que así ían mellor e nas curvas xiraba de maneira máis progresiva”, apuntou o alumno, ao tempo que resaltou que na segunda proba, persecución en pista colectiva, “o recorrido é basicamente circular, polo que esta característica vai resultar especialmente interesante”.

Divididos en dúas categorías, WALL-E, para matriculados en ensino secundario obrigatorio e bacharelato, e R2D2, para os de formación profesional e titulacións universitarias, ao final houbo premios para todos os robots que alcanzaron as maiores puntuacións finais e tamén para o máis orixinal, Unicorns of Love, deseñado polos alumnos do Liceo La Paz, da Coruña. TecnoSang, fíxose co 1º premio da categoría de ESO; 2DC, do IES Río Miño de Rábade, de bacharelato; e Paleitor co primeiro premio da categoría R2D2 para ciclos formativos e universidade.

Fonte: Universidade de Vigo / D. Besadío

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*