A mirada entre can e dono reforza a súa unión emocional

Hook, un labrador retriever macho mira fixamente a unha das estudantes da universidade xaponesa. No primeiro experimento, esta mirada mutua fixo subir os niveis de oxitocina da dona /  Mikako Mikura
Hook, un labrador retriever macho mira fixamente a unha das estudantes da universidade xaponesa. No primeiro experimento, esta mirada mutua fixo subir os niveis de oxitocina da dona / Mikako Mikura

A relación emocional que se crea entre pais e fillos ou, de forma xeral, entre persoas, en parte prodúcese pola secreción da hormona oxitocina, tamén chamada “hormona do amor”, responsable de desencadear unha serie de procesos como a creación de lazos nos descendentes ou relacións sociais con outras persoas ao implicar a conduta maternal e paternal.

Esta sustancia química, que tamén actúa como neurotransmisor no cerebro dos seres vivos porque funciona no núcleo accumbens, ao que se lle atribúe unha función importante no pracer, como a recompensa, non só xera estreitos vínculos afectivos entre membros dunha mesma especie, senón tamén entre os de especies diferentes. Así ocorre con humanos e cans que estableceron un mecanismo instintivo similar ao lazo de unión biolóxico que se crea entre pais e cativos.

Para demostralo, investigadores xaponeses realizaron varios experimentos con 30 cans (15 femias e 15 machos) de diferentes razas e idades, e os seus donos (24 mulleres e 6 homes). Os resultados revelan que cans e humanos reforzan os seus vínculos biolóxicos nun circuíto neuronal de retroalimentación impulsado pola oxitocina, tal e como ocorre entre pais e fillos. E todo grazas a unha simple mirada mutua.

“Cando can e dono se miran, ambos mostran un aumento da oxitocina”, afirma a Sinc Takefumi Kikusui, investigador no departamento de Ciencia Animal e Biotecnoloxía da Universidade Azabu (Xapón) e autor principal do estudo que publica Science.

Unha mirada, maiores niveis de oxitocina

Nun primeiro experimento, os científicos introduciron os cans en habitacións onde xa estaban os seus donos. Durante os 30 minutos que cans e donos permaneceron no seu interior, o equipo de investigación rexistrou cada interacción (falar, tocar e mirar) entre as dúas especies.

Ao medir os niveis de oxitocina de ouriños de cans e donos antes e despois do experimento, os investigadores descubriron que o contacto visual prolongado entre as mascotas e os seus donos propiciou un aumento nas concentracións de oxitocina nos cerebros de ambas especies.

Segundo o estudo, os donos que mantiveron máis contacto visual cos seus cans experimentaron o maior cambio nos niveis da hormona logo de interactuar cos seus compañeiros. Pero non só iso, estes últimos experimentaron un aumento de oxitocina similar.

Para comprobar a existencia dun efecto causal entre o contacto visual e a secreción de oxitocina, os científicos realizaron un segundo experimento con outros cans no que se lles mollou o nariz con esta hormona e colocáronlles nunha habitación cos seus donos e outras persoas que non coñecían.

Logo de 30 minutos, os niveis de oxitocina incrementaron nos donos, o que achega máis probas da presenza dun circuíto neuronal de retroalimentación no que está involucrada esta hormona entre humanos e cans. Neste caso, as femias responderon ao tratamento incrementando a cantidade de tempo que dedicaron a mirar aos seus donos.

“Non hai diferenza entre sexos en canto á secreción de oxitocina. No primeiro experimento, non observamos esta diferenza, o que suxire que os machos tamén crean vínculos cos seus donos como o fan as femias. A diferenza entre sexos que observamos foi en resposta á oxitocina que aplicamos aos animais. E isto débese posiblemente á diferenza nos niveis de expresión dos receptores da oxitocina”, aclara Kikusui.

Só os cans crean este vínculo

Para entender a creación biolóxica deste vínculo afectivo entre cans e humanos e demostrar a súa orixe evolutiva, o equipo nipón realizou os mesmos experimentos con lobos domesticados. Pero contrariamente aos cans, os lobos non buscaron a mirada dos humanos, incluso tendo sido criados por eles.

“Os lobos que teñen unha relación moi estreita cos seus criadores non poden estimular a oxitocina neles, posiblemente debido á falta de contacto visual”, indica o científico. Para Kikusui, “o uso deste contacto visual cara ao dono é diferente entre os cans e os lobos, e esta é a razón pola que os lobos non teñen este tipo de vínculo cos humanos”.

Por iso, os expertos suxiren que este mecanismo de unión social específico coevolucionou tanto en cans como en humanos durante o transcurso da domesticación do mellor amigo do home, e as súas implicacións sociais son “trascendentais”.

Evan K. MacLean e Brian Hare, investigadores a Universidade de Duke (EE UU) sinalan nun estudo resumido tamén publicado en Science que este achado axudará a entender por que a nosa relación cos cans é saudable.

“Os beneficios da asistencia dos cans en persoas con autismo ou desordes de estrés postraumático – condicións para as que a oxitocina se empreg como tratamento experimental – van nesta dirección”, conclúen os estadounidenses.

Referencia bibliográfica:

M. Nagasawa et al. “Oxytocin-gaze positive loop and the coevolution of human-dog bonds” Science 16 de abril de 2015

 

Fonte: Axencia SINC

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*