“Ou programas ou te programan”. A linguaxe dos computadores chega ás escolas

Autora: Ana Hernando (@AnaHernandoDyO)

Imaxe: Olmo Calvo
Imaxe: Olmo Calvo

“Non esperamos que todos os nenos que aprenden a escribir se convertan en novelistas, nin que todos os que estudan álxebra acaben sendo matemáticos; con todo, ambas son consideradas como habilidades fundamentais que todos os nenos deben aprender. A programación informática tamén debería selo”, sentenza Hadi Partovi, cofundador de Code.org, unha organización sen ánimo de lucro que promove o ensino de código nas escolas nos EUA.

Hai quen chega máis lonxe nas súas opinións. É o caso de Dan Crow, director tecnolóxico da empresa Songkick e profesor de ciencias computacionais na Universidade de Leeds (Reino Unido). Crow asegura que “o software estase convertendo nun elemento fundamental nas nosas vidas” e que no futuro “descoñecer a linguaxe dos computadores será tan grave como o é hoxe non saber as letras e os números”.

Aínda que isto “non quere dicir que todos futuros os postos de traballo vaian requirir coñecementos de programación”, para o experto é fundamental que todos os nenos aprendan código.

Tendencia mundial

Introducir a programación en educación primaria e secundaria é unha tendencia mundial. A Administración de Obama, en colaboración con Google, puxo en marcha varias iniciativas para que os nenos se manexen coa linguaxe informática, como o CS First.

En Europa, o caso máis mediático foi o do Reino Unido, onde este curso todo o alumnado desde os seis anos ten unha asignatura de computación. Ademais, nese país o ano pasado lanzouse unha iniciativa para animar a que educadores, pais e nenos aprendesen código, denominada Year of Code, na que participou como asesor Dan Crow.

As medidas británicas, coa súa maquinaria de relacións públicas sempre a punto, son as máis coñecidas, pero tal e como indica a Sinc Gregorio Robles, director do grupo de investigación de desenvolvemento do pensamento computacional da Universidade Rey Juan Carlos (URJC), “outros países europeos como Estonia, Dinamarca e Irlanda incluíron xa a programación nas escolas. E Finlandia e Francia están no proceso de facelo, segundo os datos da propia Comisión Europea”.

Robles agrega que en España algunhas Comunidades Autónomas comezaron a dar algúns pasos nesa dirección. “Navarra foi a rexión pioneira e incluíu a programación na área de matemáticas en cuarto e quinto de primaria, mentres que Madrid anunciou a súa introdución na educación secundaria asociada a tecnoloxía para o curso 2015/16. Ademais, nesta comunidade comezouse a impartir a materia de forma experimental nun grupo de institutos este mesmo curso”.

Mellora do rendemento escolar

Precisamente, o departamento que dirixe este profesor na URJC céntrase en estudar o desenvolvemento do pensamento computacional desde idades temperás.

“Tratamos de comprobar as vantaxes desta aprendizaxe. Os resultados das nosas investigacións, realizadas con estudantes de varios países e de distintas idades, indican que o ensino temperán da programación mellora o rendemento escolar en disciplinas tan distintas como as matemáticas ou o inglés”, di o investigador.

Segundo explica Robles, iso sucede basicamente porque en computación combínanse as matemáticas, a lóxica e os algoritmos. “Ao programar realizas tarefas nas que interveñen a abstracción, o modelado, o razoamento e a resolución de problemas”.

Respecto dos idiomas, agrega, “aínda que esta relación aínda está en fase de investigación, notamos dúas vantaxes nos alumnos que programan. Por unha banda, entenden mellor a estruturación da lingua con regras lóxicas. E, por outra, ao haber moitos materiais en inglés, experimentan de primeira man a importancia de aprendelo”.

O seu equipo da URJC acaba participar na IEEE Global Engineering Education Conference celebrada en Estonia, onde presentou un estudo levado a cabo con estudantes de cuarto e quinto de primaria do colexio San Diego e San Vicente de Madrid. Os resultados mostraron unha mellora na aprendizaxe do inglés coas actividades de programación.

Na inauguración da conferencia, o presidente a República de Estonia, Toomas Hendrik Ilves, asegurou que “o segredo de que os estudantes estonianos ascendan ata as primeiras posicións en matemáticas e ciencias nas últimas probas PISA está na introdución da programación na escola”.

“Ou programas ou tee programan”

A necesidade de aprender a programar desde idades temperás xustifícase, segundo Robles, porque nos movemos nun mundo cada vez máis tecnolóxico. “Saber programar axuda a entender ese mundo. Hai xente que di que, no futuro, ou programas ou te programan; é dicir, que podes ser alguén activo, capaz de moldear e participar no futuro, ou alguén que, por falta de coñecementos, só pode adquirir un rol pasivo”, recalca.

Na súa opinión, o obxectivo principal de impulsar pensamento computacional na escola “non é crear futuros profesionais da programación, aínda que se prevé que xeren moitos postos de traballo. Aprender esta linguaxe axudarnos a entender o mundo tecnolóxico e a defendernos nel. Pero, ademais, cada vez hai máis tarefas que os humanos realizamos conxuntamente con computadores, e se sabemos como funcionan por dentro e somos capaces de transformar en tarefas os problemas que queremos resolver, teremos unhas competencias moi importantes para o desenvolvemento persoal e profesional”.

Robles engade que a programación é tamén unha forma de expresión e de creatividade coa que os nenos poden crear os seus propios xogos e programas no canto de ser só usuarios desa tecnoloxía.

Despois de todo, programar non é máis que dar instrucións a un computador para que execute tarefas complexas. “Unha vez que se aprende a codificar pódense crear mundos virtuais na máquina onde o único límite que existe é a imaxinación”, di o experto.

Dr. Scratch

O grupo de investigación de Robles recibiu un dos premios Google RISE Awards 2015 polo desenvolvemento de Dr.Scratch, unha ferramenta en liña que permite avaliar os proxectos que os nenos escriben en Scratch.

Scratch é unha contorna de programación visual creada polo MediaLab do MIT. Os seus elementos funcionan ao estilo de bloques de Lego que se interconectan entre si, e permite enlazar instrucións arrastrándoas. “Mediante a combinación de instrucións pódense crear os programas máis variopintos”, explica Gregorio Robles.

A nova ferramenta Dr. Scratch “analiza os programas, identifica os erros comúns e indica o grao de desenvolvemento do pensamento computacional. É como ir ao médico a que che faga unha análise”, chancea.

“Facendo unha analoxía co desenvolvemento da lectura e a escritura”,engade o profesor, “Scratch ofrece bloques con palabras que permite crear contidos, e Dr. Scratch indica os erros que conteñen as túas creacións, como no caso dun erro gramatical, e valora a túa expresividade. Ademais, faio de xeito lúdica para aumentar a motivación do aprendiz”.

O grupo tamén está desenvolvendo unha interface para que os profesores teñan unha visión completa dos seus alumnos e poidan avaliar os seus programas e os seus progresos.

Robles opina que a idade adecuada para aprender a programar é a partir dos seis ou sete anos. “Os nenos teñen que saber ler e ter conceptos de matemáticas, aínda que sexan moi básicos”, sinala.

Os talleres de Google no Muncyt

O xigante tecnolóxico Google é un dos impulsores do ensino de programación para nenos no mundo con multitude de iniciativas en países como Australia, Reino Unido e os EUA. Neste último país, a empresa mantén unha intensa colaboración coa Administración do presidente Obama para que se ensine código nas escolas e en actividades extraescolares.

En España, polo momento só contan cun acordo co Museo da Ciencia e a Tecnoloxía (Muncyt) nunha serie de talleres para que cativos de entre oito e doce anos aprendan a crear as súas propias aplicacións, contos interactivos e ata modelado e impresión de pezas en 3D con personaxes deseñados por eles mesmos. O programa, que se iniciou o pasado mes de febreiro, prolongarase durante polo menos un ano, segundo Google.

Esperanza Ibáñez, directora de políticas e asuntos públicos de Google en España e Portugal, explica a Sinc que o sistema educativo español “aínda non ensina a usar a tecnoloxía de xeito creativo”.

Nos EUA e no Reino Unido, agrega, “cambiaron o temario para que os nenos non sexan simples usuarios, senón que aprendan a ser creadores da súa propia tecnoloxía. Este é o obxectivo que temos nos talleres que organizamos no Muncyt: ensinarlles aos nenos a poñer en práctica o seu espírito emprendedor e a súa creatividade, e demostrarlles que programar non é aburrido”.

A directiva ri recordando cando case só se podía programar con MS2. “Iso si que era un rollo, non se vía nada! Hoxe existen contornas como Scratch nos que os nenos ven como o boneco cobra vida, poden poñerlle as cores que queiran e asignarlle tarefas. Parten dunha pantalla en branco e poden acabar facendo un videoxogo”, subliña.

Os talleres de programación do museo inclúen dous tipos de actividades. A máis sinxela é un “bautismo tecnolóxico” para nenos que van nunha visita puntual do seu colexio. O taller dura unha hora e media e os rapaces aprenden conceptos moi básicos de programación. “O obxectivo é que teñan ese primeiro contacto coa programación”, di Ibáñez.

A outra actividade, denominada Club Tecnolóxico, consiste nun itinerario informativo completo, de maneira que os nenos van ao museo durante nove sábados seguidos para aprender a programar. Usan Scratch, App inventor e impresoras 3D, e dan materias que se adaptan dependendo da evolución, “porque se trata de que saian sabendo algo de programación”. O programa de obradoiros tamén acolle nas súas dúas modalidades a alumnado de secundaria de 13 a 17 anos.

Profesorado de primaria e de secundaria

De momento, é o único programa que Google ten en España. “Estamos vendo como expandilo falando con outras institucións, pero de momento non podo adiantar nada”, explica a directiva.

Todas as actividades dos talleres de programación do Muncyt son impartidas por profesores de primaria e secundaria que, ademais, recibiron formación tecnolóxica complementaria. Segundo Ibáñez, “coñecen a materia mellor que moitos dos enxeñeiros de Google”.

Probablemente, os nenos recordaranos como os primeiros que lles ensinaron a manexar unha nova linguaxe indispensable para entender o seu mundo.

Fonte: Axencia SINC ( Ana Hernando)

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*