Nova Escola Galega en contra da Avaliación de 3º de Educación Primaria

nova-escola-galegaDiante da proba que estes días 27 e 28 de maio vai avaliar a 22 mil alumnos e alumnas de 3º de Primaria das escolas galegas, achegamos aquí a reflexión do colectivo Nova Escola Galega ao respecto:

En datas próximas vaise realizar a primeira das catro probas que a nova Lei Orgánica de Educación (LOMCE) ten previsto que se pasen ao longo da escolarización ata finalizar o Bacharelato. Esta primeira proba terá lugar en 3º curso de  primaria, co alumnado de 8 ou 9 anos. Moitas familias en Galicia e no resto de España están cuestionándose a necesidade de facer tal proba e a posibilidade de boicoteala. Nova Escola Galega anima a este boicot polas seguintes razóns:

• É unha proba innecesaria para tomar as medidas de atención á diversidade, en contra do que anuncian os Gobernos das Comunidades que a queren realizar. Diagnosticar ao alumnado nestas idades, e anteriores, xa o fai o profesorado na
avaliación continua que a lei establece. As medidas de atención á diversidade xa se teñen que ter establecido dende os cursos anteriores e non é este instrumento un medio eficaz para establecelas; en ningún sistema educativo se toman as medidas de atención á diversidade a partir dos resultados dunha proba externa estandarizada.

• Producirá un efecto de sinalización do alumnado que acade malos resultados, pola formalidade e publicidade que implican estas probas. Aínda que neste caso, en 3º de primaria, non teña efectos académicos de promoción, será un  elemento de cualificación comparada do alumnado, que marcará a súa autoestima.

• Supón unha desconfianza no profesorado, responsable lóxico e indicado da aprendizaxe do alumnado. É moito máis preciso e rico o diagnóstico que fai un profesional que coñece ao alumno, as súas circunstancias e a súa evolución, que
unha proba puntual e igual para todos.

• Significa tamén unha redución da autonomía dos centros (que esta mesma lei cinicamente reclama), pois externaliza a confección da proba e descontextualízaa.

• Supón un control do currículo, dado que toda proba mediatiza o desenvolvemento curricular por parte do profesorado, que se verá forzado a lles dar prioridade aos aspectos a avaliar e a lles restar importancia aos que non se avalían.

• Xerarquizará as competencias e as materias que son obxecto de avaliación, en detrimento do resto das materias, en contradición coa idea da formación integral que debe presidir o ensino obrigatorio de toda a cidadanía.

• Apuntala unha cultura da avaliación puntual e externa, contradicindo a avaliación continua, que a propia lei marca como a que debe rexer nestas etapas educativas obrigatorias. Dará a impresión que son este tipo de controis os que lle
dan fiabilidade ao traballo educativo nos centros e á aprendizaxe do alumnado.

Xa existe unha avaliación diagnóstica no curso seguinte, en 4º, que a LOMCE non derrogou, e que é unha avaliación do centro e non do alumnado (pois é anónima), pensada precisamente para ter repercusións sobre o traballo a desenvolver no centro e non no alumnado individualmente.

Se a proba de 3º de Primaria non é un bo instrumento para o diagnóstico de dificultades nin para calibrar o traballo dos centros, como proclaman as autoridades educativas, que finalidade non confesada pode ter? Seguramente, facer das reválidas algo “normal” dentro do sistema educativo -facilitando así a aceptación de reválidas vinculantes para a titulación, como serán as de 4º ESO e 2º BAC-, ou empezar a segregación do alumnado ou clasificar os centros dentro dun sistema no que a educación sexa máis unha mercadoría ca un servizo.

O que dende Nova Escola Galega queremos destacar é que nas etapas obrigatorias non pode concibirse a avaliación máis que como un instrumento para apoiar e informar do proceso de aprendizaxe, non como un elemento que seleccione, divida e exclúa. A avaliación é útil se nos serve para que o alumnado vexa erros e acertos na súa aprendizaxe, para que el e as súas familias teñan unha idea clara dos seus progresos, para que se poida reconducir a forma de estudar e de ensinar. En definitiva, é útil se nos serve para a finalidade primordial de formar cidadáns e cidadás, pero non o é se queremos utilizala para clasificalos. A avaliación que mellor o logra é a avaliación continua e non estas probas puntuais e descontextualizadas.

O noso sistema educativo é o suficientemente esixente como para que os controis que marca xa agora teñan a capacidade para separar do éxito escolar a un ou unha de cada catro alumnos ou alumnas, e disuadilos de continuar estudando. Non é con estas medidas por onde podemos mellorar.

Desde estas reflexións, sumámonos a aqueles e a aquelas que se opoñen criticamente a esta proba.

Fonte: Nova Escola Galega

1 COMENTARIO

  1. Para min nestas idades é moi importante aprender e madurar mais que recibir coñecementos. Estas probas solo crearan estres, etiquetado dos alumnos, frustracións.
    Por parte dos mestres que se volquen nas probas sen facer un desenrolo integral do alumno.
    Non se pode avaliar o traballo de 6 curso nun solo día.
    E ademais é un retroceso nos anos 60 habia examen para ingreso con 10 anos, reválida de cuarto, reválida de sexto.

Deixa una resposta a Carmen Fernández Freire Cancelar resposta

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*