Traducións que tenden pontes ao fío do proxecto ‘Ceibes no Monte’

traducions-ceibes-no-monteAlumnado universitario e do IES Terra de Turonio colaboran nun particular proxecto pedagóxico

Alumnado en prácticas de cuarto curso do Grao en Tradución e Interpretación está a colaborar cos alumnos e alumnas do IES Terra de Turonio de Gondomar nun particular proxecto pedagóxico que deixará como resultado a tradución dos libros Tuva de Gonzalo Moure ao galego e O país das bestas de Eva Moreda ao castelán, dous libros relacionados co mundo dos cabalos e que encadran á perfección co proxecto Ceibes no Monte, un traballo interdisciplinar coordinado por Santi Veloso, no que tamén colabora a Universidade de Vigo é que pretende abordar a realidade cultural dunha comarca galega como é o Val Miñor, nos seus aspectos históricos, antropolóxicos, culturais, sociais e artísticos.

Concibido como unha práctica de tradución literaria bidireccional galego-castelán, castelán-galego, esta experiencia é un traballo pioneiro que promove unha particular colaboración entre distintos niveis educativos: o ensino medio, que son os alumnos e alumnas que están a traducir as obras, e ensino superior, alumnos do Grao en Tradución e Interpretación, que son quen se encargan de titorizar e revisar os traballos.

“A acollida desta experiencia foi moi boa, tanto entre o alumnado da facultade como do instituto”, subliña a profesora Lourdes Lorenzo, coordinadora de prácticas da Facultade de Filoloxía e Tradución, que explica que para os alumnos e alumnas do instituto este proxecto ten o interese engadido de contar con “caras novas” que veñen de fóra do seu contexto e que, ao igual ca eles, están tamén en período de formación “o que lles axuda a sentirse máis identificados e a ser máis espontáneos á hora de preguntar, suxerir, etc.”. Na outra banda, para o alumnado universitario, supón a experiencia de ser titores/revisores do resultado final “o que fai que aumente a súa autoestima e contribúe a que realmente crean no seu bo facer”, recalca a docente, que fai fincapé en que este tipo de colaboracións entre distintos niveis educativos “son moi pouco habituais, debido aos atrancos burocráticos e, non obstante, son de gran utilidade para ambas partes”, ao que Santi Veloso, coordinador do proxecto Ceibes no monte, engade que “é un experimento moi interesante polo proceso de aprendizaxe e motivación que crea no alumnado”.

O mundo dos cabalos como eixe temático

As obras escollidas están a ser traducidas polo alumnado de sete grupos de 3º e 4º da ESO. O país das bestas de Eva Moreda é unha novela publicada en lingua galega pola editora Biblos en 2009 e nel abórdase as relacións entre besteiros e comuneiros nunha comarca do rural galego onde se concentra unha convivencia non sempre doada. Este libro está a ser traducido ao español por catro grupos de alumnos que teñen como titores deste labor a Marta Arroyo e a Ivan Estevez, alumnos de 4º curso do grao en Tradución e Interpretación.

No caso de Tuva, de Gonzalo Moure, escritor de orixe viguesa, é unha novela que describe a relación das comunidades nómadas da república rusa de Tuva cos cabalos. O escritor relata a súa vivencia persoal na súa ida a esta rexión para vivir a experiencia da relación entre os cabalos e as xentes de Tuva. Este libro estano ao traducir ao galego tres grupos de alumnos que teñen como titora a Laura Diéguez, alumna tamén de 4º curso do grao en Tradución e Intepretación.

Máis colaboracións co selo de Ceibes no monte

A maiores deste proxecto, que se agarda continúe no futuro, a Universidade de Vigo colaborou tamén co Instituto Terra de Turonio na publicación do libro-DVD Ceibes no monte, que saíu do prelo amparado polo convenio entre a Asociación Ponte… nas ondas! e a Universidade de Vigo e que prologou o reitor, Salustiano Mato, que asistiu á súa presentación o pasado mes de outubro, xunto ao escritor e doutor honoris causa da Universidade, Xosé Luís Méndez Ferrín, outro dos grandes impulsores deste proxecto.

Fonte: D. Besadío / Universidade de Vigo

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*