‘Imagine Elephants’: A importancia do xogo

imagine-elephantsA idea de que algo tan sinxelo e tan común como o xogo constitúe unha “das actividades máis importantes que facemos os seres humanos” levou á egresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Elena Cruces e ao estudante de Comunicación Audiovisual Julián Maguna a embarcarse hai algo máis dun ano nun proxecto de investigación e difusión audiovisual ao que deron o título de Imagine Elephants. Un proxecto que se traduciu nun ‘webdoc’ que desde a asociación Samthing Visual impulsaron coa colaboración da Fundación Crecer Jugando e que recentemente presentaron no Comité de Cultura e Educación do Congreso dos Deputados.

Acompañados pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, Cruces e Maguna presentaron este martes no Concello de Pontevedra un proxecto audiovisual que reúne os testemuños sobre a importancia do xogo de máis de 30 expertos. “O xogo é un instinto, unha necesidade da que se derivan as aprendizaxes máis importantes”, salienta Cruces, responsable da dirección e produción de Imagine Elephants, proxecto nace da “necesidade de que os adultos entendamos a importancia que ten xogar e todo o que achega o xogo ás persoas”. Máxime tendo en conta, como apuntan os seus impulsores, que “as obrigas da sociedade na que vivimos” levan moitas veces a antepoñer actividades extraescolares ou outra serie de tarefas aos momentos de “xogo espontáneo” de nenos e nenas.

Máis de 800 minutos de gravacións

O traballo que Cruces e Maguna levan desenvolvendo desde hai perto de ano e medio puido verse a través da súa web o pasado 28 de maio, coincidindo co Día Internacional do Xogo. Un proxecto audiovisual ao que deron o formato de webdoc co obxectivo de que “o espectador poida interactuar con todos os contidos do proxecto”, como engade Maguna. “Para un proxecto cunha carga teórica tan grande, decidimos que sería o formato máis indicado, xa que permite indagar moito máis na historia que cunha reportaxe ao uso”, salienta este estudante, responsable da realización e da edición dun proxecto no que tamén participaron os integrantes de Samthing Visual Sam J. Hardie, Eloy Táboas e Gonzalo Estévez.

Nese senso, o formato seleccionado permite tanto contemplar un documental de 50 minutos como acceder aos fotos e textos ou ver íntegras as entrevistas realizadas a máis de 30 expertos e profesionais de ámbitos como a pedagoxía, a educación ou a psicoloxía, entre os que se atopan o pedagogo Francesco Tonucci, o catedrático da Universidade Complutense de Madrid Gonzalo Jover ou o catedrático da Autónoma de Madrid Josetxu Linaza. Deste xeito, este formato de documental interactivo permite aos usuarios acceder a unha “biblioteca audiovisual”, organizada por temáticas, con máis de 800 minutos de vídeo.

Imagine Elephants comeza unha “xira de presentación” por quince cidades. Rematadas as presentacións, volverase a exhibir o seu proxecto na rede a partires do 1 de xullo. Mais esta iniciativa constitúe só a primeira fase dun proxecto ao que agardan poder dar continuidade rodando un documental no que se recolla “a nenos xogando en diferentes países do mundo, para ver inflúen no xogo a contorna e a cultura”.

Previamente, no mes de setembro, Cruces e Maguna falarán do seu proxecto no curso de extensión universitaria Propostas pedagóxicas innovadoras. Ensinar e aprender hoxe (.pdf), que dirixe o profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Jorge Soto e no que participarán tamén varios dos entrevistados e entrevistadas para Imagine Elephants.

Fonte: Universidade de Vigo / Eduardo Muñiz

 

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*