Os Axóuxeres: a festa da música, dos xogos e das palabras

axouxereandoUn espectáculo de dinamización lingüística que percorre Galicia con música e xogos para a xente miúda.

Moito nos prestan os espectáculos dos Axoúxeres, dos que a miúdo vos vimos falando. Se nalgunha ocasión vos tedes achegado a un destes eventos organizados polo país adiante teredes reparado na ledicia coa que os gozan todos os nenos e nenas, e porque negalo, tamén os maiores!

Os Axóuxeres son todo un achado lúdico que combina as artes escénicas, o teatro, a música en directo para ofrecerlle á cativería un divertido encontro cos primeiros xogos e cancións en galego e, en definitiva, coa lingua de noso. Con ese mesmo obxectivo, favorecer a incorporación do idioma nas familias novas e ofrecerlles unha proposta de lecer en galego, Os Axóuxeres ben fornecendo de novos materiais e recursos para darlle continuidade á actividade no fogar.

Organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e da man da compañía de teatro Elefante Elegante, a xira dos Axóuxeres 2015 percorre 26 localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia do 12 de setembro ao 8 de novembro: Arteixo, A Coruña, Ourense, Boiro, Ames, Vedra, Santiago de Compostela, Teo, Fene, Ferrol, Oleiros, Moaña, Cangas, Foz, Viveiro, Xinzo de Limia, Mondoñedo, Redondela, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, A Laracha, Noia, O Carballiño, A Estrada, O Porriño e Lalín.

Unha aventura teatral, musical e lúdica

Cada Encontro dos Axóuxeres, de aproximadamente 40 minutos de duración e ademais, desta volta as familias poderán levar levar para a casa un cedé co que o programa agasallará os participantes.

Estrelas dormen, Voga valente, Vou navegar, Entre o mar e esta bañeira e Mergullo son as cancións orixinais dos novos Axóuxeres, que María Torres e Gonçalo Guerreiro interpretan en directo acompañados polos músicos Mano Panforreteiro e Dani Pais, e que recolle o cedé homónimo, no que tamén se poden escoitar brinquedos e adiviñas infantís.

Reserva previa

Lembrade que se ben a entrada para os Encontros dos Axóuxeres é de balde, debedes facer reserva previa xa que o evento ten límite de asistentes ata completar a capacidade de cada un dos recintos concretos onde se celebra.

As persoas interesadas en participar cos seus bebés ou nenos/as de 0 a 6 anos poderán inscribirse previamente, de luns a venres e en horario de 10:00 a 13:00 horas, no teléfono 697 363 089. As inscricións abriranse o luns anterior á celebración de cada unha das funcións.

O peixiño de Mariña

Mariña. Rapaza con nome de auga, de vida cara ao mar. Ela é a protagonista desta historia e a que un día de praia decide que ese peixiño que colleu co seu trueiro será o mellor compañeiro de cuarto do mundo: “sempre quixen ter un peixiño e por fin o conseguín!”. E lévao para a casa, mais o peixiño cada vez está máis triste no acuario…

Será o seu amigo Muriel quen convenza a rapaza de que o ceibe: “os peixes do mar teñen que ficar no mar”. Mariña, rapaza lista e espelida, comprende que o seu fiel amigo leva razón, xa que o mar lle ofrece ao peixe todo o que precisa para vivir e ser feliz. E aí comeza a aventura de regreso para o amigo mariño, o amigo de Mariña: a volta ao fogar do que nunca debeu saír. Pero o mar tamén agocha dificultades que os seres que o habitan atopan día tras día… e para o peixiño de Mariña non ía haber excepción.

Unha aventura teatral, musical e lúdica na que a xente miúda se mergullará na profundidade do mar para achegarse a valores como a ecoloxía ou a amizade. Unha experiencia sensorial e lingüística coa que aprender e levar para a casa divertidas cancións, adiviñas e xogos.

Os Axóuxeres tamén están na rede, onde teñen a disposición de todas as familias as súas cancións, adiviñas infantís e brinquedos para que o espectáculo e a dinamización lingüística continúen no fogar. Poderanse descargar en aberto e de  balde desde o novo Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal) e tamén desde os seus perfís nas redes sociais Facebook e Twitter, que darán conta de todas as novidades do programa.
Toda a información sobre Os Axóuxeres
http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/rede-de-dinamizacion-linguistica/programas?content=/Portal-Lingua/Contido/iniciativa/Programas/contido_0104.html

O Facebook dos Axóuxeres
https://www.facebook.com/axouxeres

O Twitter dos Axóuxeres
https://twitter.com/OsAxouxeres

 

axouxeres2
Preme na imaxe para ver o calendario completo
COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*