Envía un debuxo ao espazo!

cheopsA que neno ou nena non lle gustaría ter un dos seus debuxos navegando no espazo exterior? Parece cousa de conto, pero agora, un proxecto da Axencia Espacial Europea achegará ás estrelas a creatividade saída dos lapis e rotuladores do alumnado de entre 8 e 14 anos.

O prazo permanece aberto ata o 20 de outubro e todos aqueles que sexan seleccionados enviaranse ao espazo a bordo do telescopio CHEOPS (CHaracterizing ExOPlanet Satellite), que será lanzado durante o mes de decembro de 2017. A Axencia promete enviar co foguete un total de 3 mil debuxos de nenos e nenas de toda Europa.

O obxectivo do telescopio CHEOPS é identificar novos planetas fóra do sistema solar e con este concurso, a Axencia Espacial Europea pretende achegar os seus proxectos ás escolas. O nome de CHEOPS é unha homenaxe ao Antigo Exipto e unha referencia á pirámide de Keops. Ata o momento coñécense uns 2.000 exoplanetas e con esta misión espacial, pertencente ao programa Cosmic Vision da Axencia Espacial Europea, preténdese aumentar este número.

Na web da iniciativa podedes ver as bases en detalle, en resumo: os debuxos deben ter relación co espazo e estar feitos en branco e negro, xa que é o único xeito de que os debuxos seleccionados poidan ser gravados en formato miniaturizado nunha placa que se montará no telescopio. Ademais, os deseños débense presentar nunha plantilla, que se pode descargar en: http://www.cheops.es, web onde está toda a información sobre o concurso.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*