Obxectivo: cambiar o mundo (a mellor) en quince anos (desde a escola)

comic-ods“A lección máis grande do mundo” é unha iniciativa para dar a coñecer e concienciar sobre os novos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible promovidos pola ONU.

Unha vez máis, e son xa unas cantas, un grupo de líderes mundiais reúnense, convocados por Nacións Unidas, para discutir sobre grandes problemas e desafíos globais. E unha vez máis, comprométense, con máis ou menos concreción, a facer o posible por resolvelos. Este mes de setembro, a ONU redactou para este evento un conxunto de 17 Obxectivos Mundiais para conseguir 3 grandes cousas extraordinarias, tres grandes desafíos que deberían ser alcanzados nos próximos quince anos… e non son desafíos pequenos…:

  • Erradicar a pobreza extrema
  • Combater a desigualdade e a inxustiza
  • Solucionar o cambio climático

Non sabemos se unha vez máis, e quizais non sexa a última, estes líderes e quen lles suceda nos decepcionarán outra vez ao fraquear no día a día dos compromisos necesarios diante deses problemas. Pero sexa como for, cada xeración ten ante si o desafío de tratar de construír un mundo mellor. E para logralo, antes ou despois, a sensibilización respecto deses desafíos desde a escola é un feito clave nese camiño: “Se en todas as escolas do mundo os nenos e as nenas aprenden acerca destes obxectivos, axudarémolos a convertérense na xeración que cambiou o mundo”, argumentan desde a ONU.

Con ese fin nace a iniciativa bautizada “A Lección Máis Grande do Mundo”, enfocada a alumnado de entre 8 e 14 anos e avalada por institucións como Unesco e Unicef. Este proxecto quere ser unha oportunidade para comunicar os devanditos obxectivos, fomentar a cidadanía global na escola, apoiar os estudantes que aprenden sobre diversos temas, como a ciencia, a xeografía, a cidadanía e a tecnoloxía e desenvolver grandes ideas, incluídos os dereitos humanos, a pobreza e as cuestións ambientais.

En moitas escolas traballouse xa especificamente na transmisión desta mensaxe durante a semana iniciada o 27 de setembro deste 2015. Pero a iniciativa non caduca e na rede podedes consultar e descargar os diferentes recursos proporcionados, por exemplo:

  • O cómic “Os heroes do cambio” presenta os Obxectivos Mundiais, e convida os nenos a convertérense en superheroes ao animalos a pasar á acción para acabar coa pobreza, a desigualdade e o cambio climático.
  • Unha guía para axudar a profundar nos Obxectivos Mundiais. Redactada por e para os nenos e mozos de todo o mundo. Nela explícanse a linguaxe e os detalles dos Obxectivos Mundiais para o Desenvolvemento Sostible.
  • Un vídeo de animación
  • Unidades didácticas diversas: sobre a paz, sobre a igualdade de xénero, o cambio climático, etc

Podes descargar aquí todos os materiais

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*