10 cousas que debes coñecer de Kasha Nabagesera, Premio Nobel Alternativo 2015

kasha-jacqueline-nabageseraMuller, homosexual, africana, loitadora polos dereitos humanos. O seu traballo e a súa historia merecen ser recoñecidos. Dez datos sobre Kasha Jacqueline Nabagesera:

1. É activista LGTBI en Uganda, un país que persegue con violencia os homosexuais, ata o punto de lexislar e establecer penas de prisión contra estas persoas. Por iso, neste contexto, o xurado do Nobel alternativo destacou a súa “valentía e persistencia, a pesar da violencia e a intimidación, en traballar polo dereito de gais e lesbianas a unha vida libre de prexuízos e persecucións”.

2. Pola súa condición de muller lesbiana foi expulsada de varias escolas e sufriu acoso tamén na universidade. Estas experiencias levárona a formarse en dereito e a converterse en activista e fundar a organización ONG Freedom and Roam Uganda (FARUG).

3. A súa denuncia en diferentes eventos en todo o mundo aos que acudiu para denunciar a situación no seu país, carrexoulle moitos problemas cada vez que voltaba a Uganda, incluídos acoso e ameazas diversas.

4. Sofre agresións, tanto verbais como físicas, na súa vida cotiá. Lembrou máis dunha vez que o acoso aos homosexuais non parte unicamente do goberno senón que existe unha belixerante actitude social cara aos dereitos de gais e lesbianas. De feito, ironicamente, un premio que en calquera outra parte do mundo outorgaríalle recoñecemento e afecto, no seu país provoca que teña que recluírse no seu fogar e limitar a súa exposición pública.

5. Neste asfixiante contexto, cando un xornal ugandés publicou os nomes de persoas supostamente homosexuais, Kasha Nabagesera foi unha das activistas que iniciou un proceso nos tribunais contra ese tabloide local. De feito, gañou o xuízo.

6. Outras dúas persoas asinaban a denuncia xunto a Nabagesera que levou a ese xuízo. Unha delas, David Kato, foi asasinado pouco despois. Durante o seu funeral, o propio sacerdote que oficiaba realizou unha alegación de condena da homosexualidade. A continuación, veciños do pobo negáronse a enterrar o cadáver, que finalmente puido descansar na súa tumba grazas a familiares e amigos.

kasha-jacqueline-nabagesera-27. A súa loita non se circunscribe a Uganda. Nabagesera, que colaborou cunha organización LGTBI surafricana antes de fundar o seu propio colectivo en Uganda, subliñou como un reto fundamental seguir difundindo en todo o continente africano a loita en favor da normalización da condición homosexual.

8. En 2014 foi unha das promotoras de Bombastic, unha revista publicada e distribuída de forma case clandestina onde se trata con toda liberdade a temática homosexual, incluíndo por exemplo experiencias, historias e poemas escritos por homosexuais ugandeses que, nese contexto de presión, usan pseudónimos en moitas ocasións.

9. Tamén está detrás da web Kuchutimes, promovida coa mesma finalidade de defender os dereitos LGTBI en Uganda e sensibilizar á poboación.

10. Ademais do recente Right Livelihood Award 2015, o considerado Nobel alternativo, Kasha Nabagesera recibiu tamén o Premio Martin Ennals de Dereitos Humanos, e foi recoñecida en 2013 co Premio Internacional de Dereitos Humanos de Núremberg.

 

 

Fonte: Biodiario

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*